A principal campaña desenvolvida por Asetem-CCA este ano tan atípico, Contigo Somos Contigo Seremos, chegou ao seu remate o pasado mes de outubro.
Despois de meses coleccionando os cromos con imaxes antigas da vila de Melide, un total de 35 persoas pasaron polas oficinas da asociación para validar o álbum completo, o que lles permitiu poder participar no sorteo.
“Cremos que foi unha campaña bastante positiva e que incluso o podería ter sido moito máis de non haber un confinamento polo medio”, sinalou a xerente de Asetem-CCA, Pilar López. “Cando sacamos a segunda tirada de cromos, antes de decretarse o estado de alarma, a xente comezaba a coñecer a campaña e a demandar os álbums, pero de repente confináronnos a todos e a actividade quedou no esquecemento dous meses e pico –engadiu–, iso motivou que moitos non rematasen de completar o álbum”.
Con todo, o balance da campaña é positivo ata o punto de repensar a iniciativa e poñela en marcha no futuro, engadindo algunha que outra novidade. “A idea é seguir con un segundo coleccionable para o ano que vén empezando cunha segunda parte da historia de Melide, con outros anos en concreto”.
Como curiosidade destaca o feito de que á hora de coleccionar os álbums, na súa meirande parte foron persoas maiores as que o remataron. “Tamén houbo mozos e mozas, pero percibimos que á xente maior gustoulle moito a iniciativa”, destacou a xerente.
Sorteo
Se nun principio tiña previsto celebrarse o sorteo no transcurso dunha gala conducida por Tania Veiras, imaxe actual do Centro Comercial Aberto, e coa actuación de Leirabuxo, finalmente esta tivo que ser suspendida e aprazada por mor da situación sanitaria que vivimos.
Con todo, o venres 23 de outubro celebrouse nas oficinas de Asetem o sorteo da campaña Contigo Somos Contigo Seremos, para o que se contou coa presenza e colaboración de Leirabuxo.
Os premiados foron Marta González, con un vale de 150 euros para investir de novo no comercio local de Melide; Carlos Landín, con outro vale de 150 euros; e Noelia Vázquez, que ganou a fin de semana para dúas persoas.
Sen data fixa para a súa celebración, a gala levarase a cabo tan pronto como a evolución da situación sanitaria o permita. Cumpre salientar que pese a rematar a campaña coa celebración do sorteo, aquelas persoas que desexen seguir completando o seu álbum poden facelo obtendo os cromos nos distintos establecementos asociados da vila.
Agradecementos
Dende a xerencia e a directiva de Asetem-CCA quixeron amosar o agradecemento pola súa implicación na campaña a todos os participantes e comerciantes, especialmente a aqueles clientes que completaron o álbum “amosando así o seu apoio ao comercio local”, así como a aqueles comerciantes que “insistiron e difundiron continuamente a campaña”.
Tamén agradeceron a colaboración prestada por parte da imaxe actual da entidade, Tania Veiras; e por parte da agrupación Leirabuxo que ían participar na gala que finalmente non se puido celebrar.
Dende Asetem-CCA non quixeron esquecer o papel fundamental do Museo da Terra de Melide a través do seu director Xosé Manuel Broz, e da Unidade Parroquial de Melide, que cederon as fotos para a campaña; así como o apoio incondicional do Concello de Melide.
Balance Bono Asetem e Volta o cole
Analizando o desenvolvemento das campañas, dende a Asociación de Empresarios Terra de Melide – Centro Comercial Aberto tamén avaliaron as últimas accións desenvolvidas.
A este respecto, pese a poñer en marcha un ano máis a campaña do Bono Asetem, esta vez de forma conxunta coa iniciativa da Volta o cole, a acción non obtivo a repercusión que viña conseguindo en edicións anteriores.
“Aínda que si houbo familias que viñeron a trocar o seu bono, e que tamén participaron na campaña da Volta o cole obtendo vales desconto, non foron tantas como en anos anteriores cremos que debido á inquedanza que houbo arredor de todo o que supuxo o inicio do curso escolar –explicou Pilar López–, os pais e nais estiveron como é lóxico máis preocupados pola volta ás aulas que ao mellor pola compra de material, de aí que se cadra nin se decataran desta campaña en particular”.
Con todo, dende Asetem-CCA fixeron un balance positivo en canto aos bonos e vales entregados, agardando poder repetir ambas iniciativas o vindeiro ano “en mellores circunstancias”.