– A partir deste luns 10 de maio, a veciñanza de Melide e doutros concellos xa poden pasar pola tarxeta bono ‘Merca en Melide’. Que precisamos levar para conseguila?
– Xosé Igrexas (X.I): Chega con levar o D.N.I orixinal, unha fotocopia do mesmo e cubrir un impreso con datos persoais. Poden adquirir esta tarxeta todas as persoas maiores de 18 anos que se acheguen ata o Edificio Multiusos (situado na Praza das Universidades) dende o luns dez ata o venres catorce de maio, en horario de dez da mañá a sete da tarde. O prezo da tarxeta é de vinte euros, dos cales só se acepta o pago en tarxeta. Para que ninguén quede sen o bono por mor de non ter tarxeta de crédito ou débito, a persoa que pague pode ser diferente á beneficiaria dos descontos. Iso si, a persoa propietaria da tarxeta de crédito ou débito debe dar a súa autorización, indicando os seus datos persoais, para realizar o pago. Nesta primeira edición repartiranse mil cincocentas tarxetas.
– En que consiste o funcionamento destas tarxetas bono?
– (X.I): O seu uso é moi sinxelo, a persoa beneficiaria da tarxeta xa a vai levar consigo o propio día que faga a solicitude. Non obstante, non vai estar activada para poder usarse ata o luns 24 de maio, é dicir, ata ese día non se van funcionar os bonos. O diñeiro das tarxetas ‘Merca en Melide’ debe gastarse na súa totalidade antes de finalizar a campaña, o 24 de xuño, xa que non son acumulables para futuras edicións ou iniciativas. Os trinta euros (vinte que pon o usuario ou usuaria e dez que aporta o Concello de Melide) dispoñibles poden gastarse nun ou varios establecementos. Se alguén ten algunha dúbida ao longo da campaña pode consultar as bases na páxina web de ASETEM- CCA: www.asetem.com ou en www.mercaenmelide.gal.
– De que xeito podemos saber os establecementos que están adheridos a esta iniciativa?
– (X.I): Pois tanto nas páxinas web mencionadas anteriormente como por un adhesivo propio da actividade que os comercios colocarán nun lugar visible en canto se poida mercar coas tarxetas. Aproveito tamén para recordar que aquelas tendas que aínda non se anotaron e queren participar poden facelo acudindo ás oficinas de ASETEM, na rúa Lino Sexto.
– Se temos algún problema coa tarxeta ou a perdemos a onde debemos acudir?
– (X.I): No caso de perda non hai máis solución que, se estás aínda en período de solicitude, volvas ao Edificio Multiusos coller unha nova, o que implica volver pagala. Pola contra, de non funcionar ben a tarxeta os usuarios e usuarias poden achegar ás oficinas da Abanca e alí daranlles a solución.
– Como podemos consultar o saldo que nos queda no bono?
– (X.I): Hai unha páxina web habilitada, unicamente, para ese fin que é: www.damemisaldo.com.
– Cal é o obxectivo principal desta campaña?
– (X.I): Esta iniciativa ‘Merca en Melide’ está dirixida a promover os sectores do comercio e a hostalería melidense, co fin de reactiviar e apoiar a economía da localidade, impulsando o consumo nos establecementos de proximidade. Por este motivo, non poden participar na campaña grandes tendas de alimentación, salas de xogo, estacións de servizo de combustible nin tampouco farmacias ou similares.
– Cando se vai celebrar a segunda edición desta iniciativa?
– (X.I): Entre o 27 de setembro e o 31 de outubro, as tarxetas van ter o mesmo funcionamento que nesta primeira edición, non vai varias nada. De novo volverán ser 1.500 tarxetas e co mesmo importe, 30 euros.
– Tedes un cálculo estimado do que esta campaña pode inxectar nos establecementos da vila?
– (X.I): Como mínimo 140.000 euros, 30.000 deles proveñen dos fondos públicos e o resto do gasto que vai realizar os usuarios e usuarias. Unha inxección económica importante para os comercios locais de Melide logo de máis dun ano nunha situación complicada.
– Vai haber algunha actividade dirixida directamente á hostalería?
– (X.I): Estase organizando unha campaña dirixida ao sector da hostalería. A idea é que ao longo mes de xuño os melidenses e persoas doutros concellos poidan adquirir uns bonos destinados a gastar nos establecementos hostaleiros da vila. Esta nova iniciativa lanzarémola a mediados deste mes para que os locais interesados se vaian anotando e comezar a darlle publicidade.
– Como van os preparativos do Mercamelide de verán?
– (X.I): Estamos xunto con ASETEM – CCA e os establecementos participantes intentando organizar un bo Mercamelide de verán para o mes de agosto, xa que a edición de inverno deste ano non se puido facer por mor das circunstancias sanitarias.
– Que repaso fas destes case dous anos na Concellería?
– (X.I): Intensos por mor da situación que trouxo consigo a pandemia. No momento no que comezou a lexislatura fixemos unha planificación dos nosos obxectivos e compromisos, porén chegou o coronavirus e tivemos que reinventarnos, mudar todos os plans.