Xesús Ferreiro e Javier Anido, parella de piloto e copiloto, acumulan dúas vitorias nesta tempada do Campionato de España de Rallys para Vehículos Históricos. O pasado 23 e 24 de xullo disputouse en Zamudio (Vizcaya) a terceira carreira da tempada do 2021, na que os corredores melidenses acadaron o primeiro posto do podio co seu Ford Escort MKII, tanto na xeral do CERVH como na categoría ‘pre 81’.
Ao final da carreira, Xesús Ferreiro amosábase satisfeito por gañar e afirmou: «todo foi ben e en realidade sempre nos deu a impresión de que tiñamos o rally controlado, a pesar da presión de Francisco López», que acadou o segundo posto. Esta vitoria chega xusto despois da primeira acadada na 45 edición do Rally de Alivés Histórico, o que indica a boa forma na que se atopan os pilotos melidenses.