O Concello de Melide e a empresa Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo de auga, lanzan a campaña «Está na túa man, pecha a billa cando toca» para fomentar o consumo responsable de auga. O obxectivo desta iniciativa é concienciar á veciñanza da importancia de realizar un uso axeitado dos recursos e anticiparse ás situacións de seca no período de verán.
Esta campaña de sensibilización difundirase a través de carteis informativos colocados en diferentes instalacións municipais e nas redes sociais.
A día de hoxe, os embalses galegos aínda presentan unha boa porcentaxe, na Confederación Hidrográfica Miño – Sil a reserva sitúase no 58% e en Galicia – Costa nun 76,5% pero a porcentaxe segue en descenso. A iniciativa «Está na túa man, pecha a billa cando toca» sinala consellos simples e prácticos para aforrar auga como: pechar a billa mentres cepillamos os dentes, ducharse no sitio de bañarse, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora ou o lavalouzas con cargas completas.
Tamén hai que ter precaución con actividades típicas deste época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns. Ademais, un bo consello para as persoas que marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda.