Os establecementos hostaleiros asociados a ASETEM – CCA, Casa Alongos e O Tobo do Lobo, premiados co Travellers’ Choice 2021 da plataforma TripAdvisor. Estes dous locais de restauración, situados en pleno Camiño de Santiago, destacan no mundo da gastronomía pola gran calidade dos produtos de proximidade que empregan nas súas elaboracións.

O premio Travellers’ Choise é unha lista na que se inclúen os establecementos mellor valorados polos centos de usuarios que estiveron neles. O 2020 foi un ano moi complicado para todos os sectores relacionados co turismo e a hostalería, uns meses incertos nos que os locais se tiveron que actualizar e adaptar ás novas medidas sanitarias promovidas por mor da COVID – 19. Por este motivo, recibir o recoñecemento este ano é máis especial ca nunca, xa que é o premio ao incansable esforzo que tanto Casa Alongos como O Tobo do Lobo (ao igual que o resto de establecementos hostaleiros) realizaron durante o 2020 para seguir dando a mellor calidade e servizo nun dos momentos máis díficiles, nos que loitaban por poder traballar.

Moitos usuarios e usuarias que se achegaron ata a vila na procura dunha boa experiencia de viaxe valoraron de xeito excelente a hostalería melidense, o que sitúa o municipio como un lugar ao que regresar en futuras ocasións e tamén que recomendar a outras persoas, isto para Melide é un importante beneficio debido ao gran número de comercios e establecementos que se manteñen grazas ao turismo.

Ademais, Casa Alongos e O Tobo do Lobo non foi este o único recoñecemento que recibiron nos últimos meses. Por unha banda, Casa Alongos recibiu no pasado mes de maio a placa de restaurante ‘Slow Food, km 0’, o que o certifica como un local no que se usan os produtos de proximidade, respectuoso co medio ambiente e un desenvolvemento sostible. Polo outro lado, O Tobo do Lobo foi incluída en decembro na Guía Michelín, na categoría Bib Gourmand.