A principios de curso, o alumnado do IES de Melide recibía a nova de que non podería cursar materias troncais como: Grego, Historia da Arte, Debuxo Técnico e Xeoloxía (en 2º de bacharelato) e Latín (en 4º de ESO) debido a ser menos de cinco persoas en cada unha destas clases. Un feito descriminatorio nun centro educativo do rural que foi rexeitado por parte da comunidade educativa, tanto a ANPA como os propios mestres e mestras do IES, así mesmo a veciñanza da comarca.

Este caso non é un acontecemento illado, xa que son diversos os centros do rural galego que se están vendo inmersos en procesos de recortes de persoal e recursos. Logo de longos días de loita nos que varios colectivos da comarca como ASETEM – CCA, a propia ANPA e a dirección do centro, entre outros; enviaran escritos para manifestar o seu malestar con esta decisión e pedindo que non se levara a cabo. O pasado venres, a Concellería de Educación da Xunta de Galicia decidiu que se impartiran todas as materias troncais, independentemente do número de alumnado. Unha boa nova para toda a veciñanza da Terra de Melide.