As actuacións deberán realizarse sobre bens físicos situados no ámbito de protección dos Camiños de Santiago, e no campo visual do seu percorrido, de tal xeito que a actuación sexa visible desde o Camiño.Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:
a) Actuacións sobre elementos etnográficos e a súa contorna (fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, pontellas, muíños, valados, peches e calquera outro elemento de carácter tradicional vinculado á paisaxe e a cultura do lugar).
b) Actuacións sobre a casa e a eira:
i. Actuacións de mellora nos revestimentos: fachadas, cuberta con materiais propios da zona como madeira, pedra e pintura.
ii. Actuacións de mellora dos puntos de contacto co trazado do camiño: valados, pavimentos nos puntos de acceso, instalación de áreas de descanso para peregrinos.
iii. Mellora nas edificacións auxiliares, como adaptación da escala de cor ou os acabados.
c) Actuacións no espazo agrario:
i. Ocultación mediante vexetación ou outros elementos daqueles bens con forte impacto sobre o campo visual do Camiño, como naves gandeiras.
ii. Demolición de elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico, como naves, silos ou casetas.
iii. Mellora dos puntos de contacto co trazado do Camiño: valados, pavimentos nos puntos de acceso.
iv. Desentullo e limpeza de lixo ou materiais en desuso.
d) Actuacións de naturalización, coa incorporación de vexetación como elemento integrador das construcións e das vías, como arborado e vexetación arbustiva de acompañamento do camiño, e mellora do axardinamento en xeral.
Deberase contar coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais que resulten preceptivas, tanto dos concellos, como doutros organismos ou administracións públicas.
Gastos subvencionables:
.- Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, incluíndo gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais, peritaxes.
.- Honorarios de facultativos técnicos e dirección de obra, ata o 10% do investimento subvencionable.
.- Tributos, cando a persoa beneficiaria os aboe efectivamente, salvo impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación, nin os impostos persoais sobre a renda.
.- Custos derivados do emprego de medios propios.
Serán subvencionables os gastos realizados a partir do 01/01/2022.
Beneficiarios (Categoría 2ª):
a) As persoas físicas sen ánimo de lucro e as persoas xurídicas sen ánimo de lucro titulares dun dereito real sobre un ben moble ou inmoble, recurso ou elemento, situado en calquera dos tramos físicos dalgunha das rutas do Camiño de Santiago.
b) Comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias.
c) Asociacións de veciños, comunidades de montes veciñais en man común, comunidades de bens, e calquera outra asociación ou institución que teña título habilitante suficiente para actuar sobre o recurso ou elemento sobre o que se propón a actuación.
Contía: 75% do orzamento do investimento subvencionado, co límite de 10.000 €.
Prazo de solicitude: Ata o 23/03/2022.