O Ministerio de Educación abre o prazo de solicitude das becas para cursar ensinanzas non obrigatorias no curso 2022 – 2023.
O alumnado ten que realizar a solicitude para ser beneficiario desta beca a través da páxina web do Ministerio de Educación antes do vindeiro 12 de maio.
As ensinanzas comprendidas nestas axudas para o alumnado residente no Estado español son: por unha banda, as ensinanzas postobrigatorias e superiores non universitarias: 1º e 2º de bacharelato, formación profesional de grao medio e superior (incluídos os realizados en centros docentes militares), ensinanzas deportivas e artísticas superiores, estudos relixiosos, estudos de idiomas realizados en escolas oficiais de titularidade das administracións educativas (incluída a modalidade a distancia), cursos de acceso e preparación para as probas de acceso á formación profesional e cursos de formación específicos para o acceso aos ciclos formativos de grao superior e medio (impartidos tanto en centros públicos como privados concertados), e para rematar, os ciclos formativos de grao básico; pola outra banda, ensinanzas do sistema universitario español: ensinanzas universitarias conducentes a títulos oficiais de grao e máster, cursos de preparación para acceso á universidade de maiores de 25 anos, complementos de formación para acceso ou obtención do título de máster e créditos complementarios para a obtención do título de grao (exclúese o doutorado).
Estas becas terán dúas partes: a contía fixa e a variable. A primeira delas consiste na beca de matrícula, contía ligada á renda do estudante, á residencia do estudante durante o curso educativo, á excelencia no rendemento académico e a beca básica. Logo pódese incluír á beca unha contía variable e distinta para os diferentes solicitantes que resultará da ponderación da nota media do expediente do estudante e da súa renda familiar.
Na solicitude destas axudas económicas, o alumnado deberá incluír os datos de seus pais (independentemente de que estean divorciados) e dos irmáns menores de 25 anos.

Pódese consultar a orde de convocatoria completa en: becasMEC2022-2023