Mercamelide buscará captar clientes de toda Galicia en vindeiras edicións’, ‘A novena feira de saldos pecha cunha excelente afluencia de público e vendas lixeiramente á baixa. A organización pretende darlle un enfoque «máis global» en próximas edicións para convertilo nun reclamo máis alá da comarca de Compostela.
Mercamelide aspira a ser un reclamo para clientes de toda Galicia. Tras o éxito da última edición, a feira de saldos local pretende dar un salto cualitativo e converterse en próximas convocatorias nun referente a nivel galego. Así o confirma o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Santos López, quen asegura que un dos obxectivos futuros é “darlle un enfoque máis global, en clave galega, para que sexa un reclamo máis alá da comarca de Compostela”.
Xunto coa intención de captar clientes dunha área xeográfica máis ampla, a organización pretende que no Mercamelide participen máis comercios locais. “A vila ten un tecido comercial moi forte e sabemos que poderían participar máis tendas das que o fixeron. Temos que traballar para que se incorporen en próximas edicións e ser cada ano máis”. Por outra banda, Santos López Sostén que dende o concello se continuará apostando “pola renovación estética” do evento e que se tentará ampliar a oferta de actividades paralelas.
Balance positivo
A falta dunha cifra oficial de asistentes, a organización considera que “se superaron as expectativas” no que a afluencia de público se refire. O evento, que se celebrou os días 11 e 12 de febreiro no Pazo de Congresos e Exposicións, foi de menos a máis e pasou de rexistrar unha entrada discreta na mañá do día 11 a unha afluencia considerable durante a tarde e o día seguinte.
Dúas das propostas que máis aceptación tiveron foron os inchables para os nenos e a máquina filloeira de Lestedo que, malia ser capaz de fabricar 1.500 unidades por hora, non puido evitar que se formasen longas ringleiras de xente esperando para facerse cunha ración de filloas.
Comerciantes e clientes
“Non nos podemos queixar”. Esta foi a frase máis repetida entre os preto de 30 comercios da vila que participaron no Mercamelide á hora de valorar a novena edición da feira. Todos eles coinciden en sinalar que a afluencia de público superou a de convocatorias anteriores pero aseguran que as vendas caeron. “Está vindo moita xente pero non compra. Non sabemos se é polo frío ou pola crise”, comentaban con humor as responsables dunha tenda de roupa, “comen moitas filloas pero non gastan os cartos”. Tres ou catro postos máis abaixo, outra voz confirma esta tendencia: “por moita oferta que poñas, a xente mira pero non compra”. Algúns comerciantes, sobre a marcha, ían poñendo cifras á evolución do negocio: “calculamos que as vendas caeron entre un 10% e un 20% con respecto ao ano pasado, pero para os tempos que corren non é un mal dato. Non temos queixa”. Noutros stands o balance foi mellor: “non notamos diferenzas co ano pasado. A xente segue comprando en Mercamelide porque atopa produtos que se axustan ao que necesita”.
A variedade foi unha das apostas da novena edición de Mercamelide e un dos aspectos máis valorados polos asistentes, moitos dos cales coincidían ao sinalar que “aquí hai de todo” e “está moi ben montado”. Durante dous días o comercio local ofreceu a prezos moi reducidos artigos de calzado, roupa, complementos, fogar, mobles, decoración, menaxe, lencería, deportes, mercería ou perfumería. Tamén se instalou un espazo dedicado aos electrodomésticos e non faltou a gastronomía e os produtos ecolóxicos.
Mercamelide foi inaugurado pola Directora Xeral de Comercio, Nava Castro, que destacou a importancia deste tipo de eventos e fixo fincapé na repercusión económica que poden ter a nivel comarcal. Nava Castro visitou a feira acompañada por parte da corporación municipal e pola alcaldesa, Ánxeles Vázquez, quen se referiu ao “trato directo, a calidade e a cercanía” como as etiquetas que identifican o comercio local.
A próxima edición de Mercamelide celebrarase no mes de setembro.
(Accede á fotogalería descargando o arquivo adxunto)