Optimismo entre os comerciantes tralo repunte de vendas na XI edición do Mercamelide’, ‘Foi un sopro de aire fresco necesario e agardado. Os bos datos cos que pechou a XI edición do Mercamelide caeron como auga de maio en pleno mes de febreiro e representan toda unha inxección de optimismo para o comercio melidense nunha época difícil. O bo nivel de vendas e a afluencia masiva de xente durante os dous días que se celebrou o evento fixeron que a última edición da feira de saldos fose “mellor ca moitas das anteriores”, segundo recoñeceron algúns dos establecementos participantes sondados por Asetem-Cca.

O balance foi, en xeral, positivo. “Mentiría se che digo que non me compensa estar aquí”, comentaban dende o stand de Mis Mejores Labores, “a pesar de que hai que desmontar a tenda e dá moito traballo, non me importaría vir todas as fins de semana”. Nunha liña semellante se manifestaba El Baúl de la Piquer, quen confirmaba que despois dunha edición de verán “horrible”, as cousas desta volta ían moito mellor: “Dámonos por satisfeitas. Sabemos que con prezos tan baixos non faremos  unha gran caixa pero o stock está saíndo moi ben e iso é o que nos interesa”.

O balance foi tamén positivo para os comercios que participaron por primeira vez no Mercamelide e que confirmaron xa a súa presenza na próxima edición, como foi o caso de Sisuka Moda: “decidín vir porque todo o mundo me dicía que compensaba e non me arrepinto; para o ano volvo seguro”.  Outro exemplo é o de Subministros Cire, cuxo propietario declaraba sorprendido que “non contaba que nos fora tan ben”. Malia que a venda de maquinaria resultou  máis frouxa, a escasas horas da clausura da feira aseguraba terlle dado saída “ao 80% do stock” de roupa, calzado e ferramentas.

 

Marca Melide

As boas sensacións non só se reduciron ás vendas e moitos establecementos destacan que o elevado número de persoas que pasaron polo Mercamelide o 16 e o 17 de febreiro converteron a feira nunha “moi boa plataforma publicitaria”. Así o recoñecía Electrosán, unha tenda  que leva dous anos participando e que aproveitou o evento para darse a coñecer e presentar a súa oferta de electrodomésticos: “vémolo como un investimento a longo prazo e sobre todo como unha axuda para que a xente vexa que en Melide hai de todo e pode vir aquí a mercar”. Nese sentido destacou tamén que a marca Melide chega cada vez máis lonxe  e que “este ano se fixo moi boa publicidade da feira e notamos que veu máis xente de fóra”.

 

A clave, a innovación

Tanto a patronal melidense como a Concellería de Comercio e Promoción Económica amosan a súa satisfacción polos bos resultados do Mercamelide e coinciden á hora de sinalar que a innovación é unha das claves para que a feira vaia a máis ano tras ano: “se a xente atopa sempre o mesmo, deixará de vir”, explica o edil Santos López. Nese sentido destacou a presenza de novos sectores este ano, a incorporación do servizo de cafetería, os segway e a gravación en directo do videoclip Mercamelide Style, que será lanzado en breve ás redes sociais. Pola súa banda, a presidenta de Asetem-Cca, Sonia Valiño, considera “un acerto” potenciar a oferta de ocio como complemento da comercial: “quedou demostrado que é unha medida que resulta efectiva, que atrae a xente e que dinamiza a feira.  É unha boa liña na que hai que seguir traballando”, asegura.

O reto para vindeiras edición é buscar novas ideas para seguir incrementando as vendas: «xa conseguimos que a xente nos coñeza e veña, agora hai que facer que merque máis», sinala López.