Volve a Ruta das Setas e das Castañas aos establecementos hostaleiros de Melide’, ‘O “Outono de Tapas”,no que participan 16 locais do casco urbano, desenvolverase os días 2, 3, 9 e 10 de novembro. Durante ese tempo as persoas que se acheguen ata os establecementos participantes poderán degustar de forma gratuíta unha tapa feita cos produtos típicos do outono.

              A chegada do outono supón a recuperación de certas tradicións culinarias que son desterradas durante o resto do ano. En Melide unha desas tradicións comeza a ser coñecida como “Ruta das Setas e das Castañas”, un percorrido polas exquisiteces dos bares e restaurantes da localidade que dende hai 3 anos organiza a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca).

 

Despois do éxito das edicións anteriores, a patronal melidense pon en marcha a terceira edición deste concurso de tapas no que participarán 16 locais de hostalería do casco urbano. Ao longo das dúas primeiras fins de semana de novembro tratarán de convencer aos clientes melidenses de que fan os mellores pratos a base de cogomelos e castañas.

 

O “Outono de Tapas” desenvolverase os días 2, 3 e 9 e 10 de novembro. Durante ese tempo as persoas que se acheguen ata os establecementos participantes poderán degustar de forma gratuíta unha tapa feita cos produtos típicos do outono. O único requisito é facer unha consumición. Os horarios de degustación serán os seguintes: os venres de 20:00 a 22:00; os sábados de 13:00 a 15:00 e de 20:00 a 22:00.

 

Sistema de votación

Ademais de deleitar o padal coas mellores propostas culinarias, os clientes serán quen decidan cos seus votos cales son as mellores tapas. En cada establecemento seralles entregada unha papeleta na que poderán puntuar, nunha escala do 1 ao 5, a tapa que acaban de consumir. Haberá dúas categorías de votación: a mellor tapa e a tapa innovadora. Cada local terá unha urna na que se introducirán os votos e todas elas serán abertas cando remate o concurso. Para o reconto final só se sacará un número determinado de papeletas. Deste xeito garántese que gane o establecemento que ten as puntuacións máis altas e non o que ten máis clientes.

 

Premios

As persoas que participen na Ruta das Setas e das Castañas e emitan os seus votos entrarán no sorteo dun lote de produtos ibéricos cedido por xentileza de Distribucións O Carrizo.

Ademais, haberá un premio especial ao que optarán aqueles clientes que proben polo menos o 50% das tapas en concurso. Trátase dunha estancia no Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei. Para poder entrar neste sorteo deberán cubrir un pasaporte cos selos dos locais que concursan. É necesario ter, como mínimo, 8 selos. O pasaporte pódese conseguir nos propios locais ou na Oficina de Turismo do Concello de Melide.

Os establecementos participantes na III Ruta das Setas e das Castañas son: Cervexería Godiva, A Boa Viña, Cafetería Stop, Restaurante Novo Continente, Cervexería O Sapo Lambón, Cafetería Arraigos, Cafetería A Fábrica do Camiño, Pensión Xaneiro, Restaurante Alongos, Casa Quinzán, Adega O Mandil, Bar Cepa, Bar Cantón, Cervexería A Fundación, Pousada Chiquitín e Bar Novo Valente.

 

Iniciativa consolidada

A presidenta da patronal melidense, Sonia Valiño, anima a participar no “Outono de Tapas”, unha iniciativa que, asegura, “non defraudará tendo en conta o alto nivel das tapas elaboradas en anos anteriores”.  Tamén destaca o feito de que a ruta se estea a consolidar, algo que demostra “a participación regular de establecementos, que supera amplamente a da primeira edición”. Ao mesmo tempo, Valiño manifesta o compromiso de Asetem de seguir organizando iniciativas “que beneficien á economía de Melide e que son tan importantes para manter o dinamismo e a vida que sempre caracterizou á vila”.