Os socios de Melisanto apostan pola informática’, ‘Varios socios da Cooperativa Melisanto decidiron dar un paso adiante na xestión das súas granxas e en breve comezarán a utilizar unha aplicación informática denominada AinfoVac que lles permitirá controlar exhaustivamente todo o proceso produtivo das súas explotacións. Grazas a esta nova ferramenta, que xa utilizan varias granxas de Galicia, os agricultores e gandeiros poderán saber que prácticas, animais e cultivos reportan beneficios para a explotación e cales lle causan perdas. ‘, ‘A aplicación informática AinfoVac ten un funcionamento sinxelo e traballa con catro grandes apartados. O primeiro deles consiste nun rexistro de todas e cada unha das compras e vendas que se fan ao longo do mes. O segundo está destinado aos cultivos. Permite, entre outros aspectos, calcular o prezo por unidade a partir da introdución de datos como as horas de maquinaria empregadas, o custo das sementes e o uso de fertilizantes. Deste xeito o agricultor pode comprobar, por exemplo, se lle compensa máis producir a súa propia forraxe ou mercala.O terceiro apartado permite xestionar a información relacionada co gando. Inclúe o control dos animais, cos datos de produción de cada vaca, o número de partos que tivo, os tratamentos que levou, as inseminacións e abortos e outras variantes. Tamén facilita a conexión remota ao Control Leiteiro para o envío e a recepción de datos. O cuarto grande apartado de AinfoVac refírese aos gastos fixos da explotación: nóminas, préstamos, seguros, arrendamentos, maquinaria, etc… Esta aplicación informática foi presentada nas instalacións da cooperativa polo presidente da Asociación de Usuarios de Software Libre de Melide, Rafael Rodríguez Gaioso, e o director técnico de Ainfogra, José Manuel Campos. Despois das explicacións, varias das persoas presentes na xornada mostráronse interesadas en incorporar a ferramenta á xestión das súas granxas e decidiron formar un grupo para poder asistir a un curso práctico no que se explicará máis polo miúdo como funciona o programa. Impartirase dende a Cooperativa Melisanto e terá carácter gratuíto. Todos os socios que non asistisen á presentación e estean interesados en recibir formación poden poñerse en contacto coa cooperativa para incorporarse ao grupo. AinfoVac é unha aplicación distribuída baixo licenza libre que se pode obter de forma gratuíta descargándoa da páxina web www.ainfogra.com