Comezan os preparativos para a campaña de Nadal e a cea dos socios’, ‘»Este Nadal toca en Melide» desenvolverase entre o 1 de decembro e o 8 de xaneiro. A cea anual de confraternidade celebrarase o 30 de novembro.
Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) está xa a preparar a campaña “Este Nadal toca en Melide”, que se vén realizando nos últimos quince anos con grande aceptación entre os consumidores e comerciantes da comarca.
Desenvolverase entre os días 1 de decembro e 8 de xaneiro e repartirá 6.000 euros en premios entre os clientes que realicen as súas compras de Nadal nos establecementos ou empresas asociadas a Asetem-Cca. Os premios distribuiranse do seguinte xeito: un premio de 2.000 €, un premio de 1.000 €, dez premios de 200 € e dez premios de 100 €. O sorteo realizarase o 8 de xaneiro, ante notario, na sé de Asetem.
Nos próximos días todos os socios recibirán unha carta coas bases da campaña, momento a partir do cal poderán formalizar a inscrición, que terá un custo de 30 euros. Ao inscribirse, os participantes recibirán de xeito gratuíto 400 rifas. A data límite para anotarse será o 30 de novembro.
Cea anual dos socios
Por outra banda, Asetem está a organizar a cea anual de confraternidade, que se celebrará o venres 30 de novembro ás 21:30 horas no Hotel Carlos 96. Regalarase unha invitación a cada establecemento asociado. O primeiro acompañante pagará 15 € e o resto de acompañantes (se é que van máis), pagarán 25 € por cabeza. Entre todos os asistentes sortearase unha plataforma vibratoria cedida por Jim Sports. As invitacións están á venda nas oficinas de Asetem e o prazo para recollelas remata o 27 de novembro.
Como novidade, este ano Asetem ofrécelles ás empresas a posibilidade de celebraren a cea de Nadal conxuntamente coa do socio. Poderán reservar espazo para os seus traballadores ao prezo de 25 € por persoa.