Melide vístese de branco e dá o “Si, quero”’, ‘(PINCHA NA NOTICIA E ACCEDE Á GALERÍA DE FOTOS) A primeira edición do Salón da Voda de Melide pecha as súas portas con éxito de afluencia e a aprobación das empresas participantes. O evento, que non xurdiu dunha historia de amor, comparte moitas das vivencias de quen decide pasar polo altar. Os preparativos comezaron meses atrás coa mesma ilusión e incerteza de quen se embarca nun proxecto por primeira vez e ten a intención de que dure para sempre. Agora que pasou e todo saíu ben, vive un momento doce, unha lúa de mel tras a que agarda consolidarse con novas edicións que continúen impulsando o comercio da comarca. Coma se dun casamento se tratase; así foi a crónica do primeiro Salón da Voda de Melide.
O enlace non foi polo civil nin polo relixioso, nin na igrexa nin no xulgado. Foi o Pazo de Congresos e Exposicións, o lugar escollido para unha cerimonia que se había celebrar o 22 de abril a partir das 11 da mañá. Os protagonistas tampouco eran dous. Eran exactamente 59, todos e cada un dos comercios que participaron no Salón da Voda. A expectación para eles era tan grande como para os centos de persoas que se achegaron ese día ao recinto para ver, probar, preguntar e falar das propostas que se ofrecían. Non sabían os visitantes o que ían atopar e non sabían os comerciantes o que podía dar de si un evento no que non dubidaron en involucrarse.
A incerteza comezou a disiparse nos primeiros minutos tras a apertura de portas. Rodeada de lenzaría, Marifé Sánchez, de O Berencello, daba conta dende o seu expositor das primeiras impresións: “ata eu me vin sorprendida polo ben que quedou todo. A xente traballou moito a decoración dos stands e dá gusto velos”. Non hai padriño que leve noiva ao altar pero si un corredor de moqueta gris do que xorden novas opinións. Algúns stands máis abaixo, os responsables do Hotel Carlos 96 aseguran mentres se afanan en cortar xamón e servir cervexa que a fase inicial está superada: “quedou moi ben para ser o primeiro ano. Hai variedade e calidade. Agora só falta que se consolide e que continúe vindo máis xente”.
E a xente, os invitados, viñeron. E tamén responderon de boa maneira. O Salón da Voda rexistrou unha afluencia notable durante todo o día, aínda que foi pola tarde cando se achegou un maior número de parellas coa idea do matrimonio na mente. “A primeira hora da mañá veu moita xente maior que non sabía moi ben de que se trataba e incluso pensaban que era o Mercamelide. As parellas con plans de voda comezaron a vir máis tarde”. Quen falan son os representantes de La Gramola Discoteca Móvil, quen confirman a oportunidade da data escollida para a celebración do salón: “pode parecer tarde, pero é a única feira de vodas que hai nesta época e iso atrae xente”. Trátase, segundo indican, “dos noivos que xa teñen todo pechado pero aínda lles falta algún detalle, dos que decidiron casar a última hora e andan agobiados e dos que casan para o ano e xa comezan a coller ideas”. Entre un deses grupos de visitantes están Carlos e Noelia que, chegados de Santiago, atoparon no Salón da Voda unha boa oportunidade para acabar de organizar a súa voda: “casamos a finais de setembro e, aínda que o máis importante xa o temos atado, aínda nos faltan moitas cousas por contratar”.
En La Gramola atenderon a seis parellas en pouco máis de dúas horas. Eran da Terra de Melide pero tamén de Santiago, Lugo “e incluso agardamos que veña unha parella de Cee que soubo da feira a través do noso facebook”. Sen dúbida, o evento tivo repercusión a nivel galego: “acabo de atender a unha parella de Ourense”, comenta Virginia, de Xoiería Oro Ley. “algunha xente vén só por pasear e ver o que hai pero tamén hai moita que se para e pregunta. No meu caso as alianzas é o que maior interese está espertando”. Con maior ou menor interese, dende o stand de Toanma destacan que “lo importante es que nos vean, que nos escuchen, que la gente sepa lo que hay en Melide”.
A primeira edición do Salón da Voda foi máis ca unha feira sectorial. Foi tamén toda unha festa para os sentidos: pequenos universos íanse sucedendo stand tras stand, cunha gran variedade non só de produtos e servizos, senón de cores, de deseños, de estilo, de propostas orixinais… vistoso foi tamén polas acrobacias dun barman, pola nostalxia dos coches de época, polos paseos dunha noiva con traxe de galletas, polas flores. Ou pola elegancia dos cortadores de xamón, que tamén deron gusto ao padal e non foron os únicos. En varios stands houbo degustación de produtos: dende doces ata viños, champán, café, empanada e outros manxares artesáns. Un cóctel de sensacións que tivo unha banda sonora constante coa música en directo de varios grupos locais.
Sen ser padriño nin cura, o evento estivo bendicido polo Presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, que non dubidou en desprazarse ata Melide para coñecer de primeira man as propostas do comercio local. Acompañado pola alcaldesa, Ánxeles Vázquez, a vicepresidenta de Asetem, Elena Quintas, e varios concelleiros, visitou un por un todos os stands.