María Gómez Méndez e Noelia Vaquero, ganadoras dos premios da Ruta das Setas e das Castañas’, ‘A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) acolleu na noite de onte o sorteo dos premios destinados aos clientes que participaron na III Ruta das Setas e das Castañas. Os ganadores foron elixidas polo sistema de man inocente entre os máis de 3.000 cartóns de votación depositados nos establecementos participantes.
Ao primeiro dos premios, unha fin de semana no Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei, só optaron aqueles clientes que probaron como mínimo o 50% das tapas. A afortunada foi María Gómez Méndez, de Melide. Degustou 9 das 16 propostas en concurso. O segundo premio, aberto a todos os consumidores que votaron, foi parar ás mans de Noelia Vaquero Varela, pola tapa consumida en Casa Quinzán. Levará como agasallo unha cesta con produtos ibéricos cedida por Distribucións O Carrizo.
Tamén na noite de onte se fixo entrega dos premios aos establecementos ganadores da III Ruta das Setas e das Castañas. Pedro Coego, do Restaurante Novo Continente, e Sebastián Becerra, de Casa Quinzán, recibiron de mans da directiva de Asetem a placa que acredita a calidade das súas tapas e o bo facer da súa cociña. O “Bocado de eleu-eleu”, elaborado polo Restaurante Novo Continente, recibiu o premio á mellor tapa. Obtivo unha puntuación media de 4.92 puntos sobre un máximo de 5. Na categoría de Tapa Innovadora resultou vencedora a “Tosta con paté de castañas e ragú de setas”, de Casa Quinzán. Foi valorada con un 4.70 sobre 5. Ámbolos dous establecementos repiten no podio por segundo ano consecutivo.
Coa entrega de premios ponse fin a unha edición do “Outono de Tapas” que pechou con balance positivo e na que se repartiron algo máis de 3.000 consumicións. Dezaseis locais de hostalería da vila participaron desta ruta na que, en verbas da presidenta de Asetem-Cca, Sonia Valiño, “a calidade e a orixinalidade medran a pasos axigantados ano tras ano”. Segundo explicou Valiño, “a mostra do compromiso da hostalería local con esta iniciativa son uns pratos de coidada presentación e cada vez máis elaborados que nada teñen que envexar á chamada alta cociña”. Castañas en todas as súas variedades (cocidas, asadas, feitas salsa ou crema) acadaron a maridaxe perfecta cos cogomelos e os novos ingredientes que os hostaleiros foron incorporando este ano; tal foi o caso do xabarín, do corzo e do queixo de Arzúa-Ulloa.