A CEC organiza en Melide un curso de primeiros auxilios para traballadores en activo’, ‘O coñecemento das técnicas elementais de asistencia sanitaria, así como unha correcta atención nos primeiros momentos tras un accidente, poden minimizar as consecuencias negativas de calquera infortunio acaecido no lugar de traballo e mesmo salvar vidas. Co obxectivo de dar unha formación básica neste ámbito a patróns e empregados, a Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) pon en marcha en colaboración con Asetem un curso de primeiros auxilios. ‘, ‘Está dirixido tanto a empresarios como a traballadores en activo e realizarase no mes de setembro na sede da patronal melidense, na rúa Lino Sexto Sánchez. O curso impartirase nunha xornada única e terá unha duración de cinco horas. A data exacta aínda está sen determinar pero o prazo de inscrición xa está aberto. Os interesados poden anotarse nas oficinas de Asetem, de 9:00 a 13:00 horas ata o 31 de xullo. Hai un total de 20 prazas dispoñibles. En caso de moita demanda, os participantes serán admitidos por orde de inscrición. Os asistentes ao curso poderán aprender como reaccionar ante unha situación de emerxencia e recibirán nocións básicas de primeiros auxilios. O programa abordará en primeiro lugar as partes do corpo, facendo fincapé no funcionamento dos sistemas respiratorio e circulatorio. Nun segundo bloque explicarase como afrontar unha parada cardiorespiratoria e como practicar a reanimación. Tamén se fará unha breve introdución ao funcionamento dos desfibriladores. Por outra banda, explicarase como valorar a gravidade das feridas, como tratar as lesións e traumatismos máis comúns e como deter unha hemorraxia. Por último, abordarase o xeito en que hai que mobilizar aos feridos de acordo cos protocolos sanitarios. O curso será impartido por Miguel Ángel Villar, bombeiro no parque de Betanzos e fisioterapeuta cunha ampla experiencia en situacións de emerxencia.