Os socios de Asetem critican a actitude de “desprezo” do goberno municipal’, ‘A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Astem-Cca) vén de celebrar a súa asemblea xeral ordinaria, na que os socios e socias aproveitaron a quenda de rogos e preguntas para manifestar o seu descontento co xeito en que o goberno local está a tratar á asociación.

Segundo manifestaron varios dos asistentes á asemblea, existe unha actitude de “total desprezo” por parte dos poderes municipais que, aseguran, “teñen en moi pouca consideración a unha asociación que representa a 150 empresas e que dá moitos postos de traballo na vila”. O socios pediron que constase en acta “o descontento que hai coa alcaldesa”, a popular Ánxelez Vázquez, e solicitáronlle aos membros da xunta directiva que fagan valer a representatividade da asociación.

Especial malestar causou entre o tecido asociativo a recente organización por parte do Concello da festa gastronómica “Pulpo no Camiño”. Segundo se explicou no transcurso da asemblea, a idea xurdiu inicialmente no seo de Asetem-Cca, que mesmo impulsou reunións con membros do goberno local e cos pulpeiros da vila. A falta de acordos nun primeiro momento fixo que a iniciativa se aparcase á espera de novos encontros, un tempo que o Concello aproveitou para organizar a festa pola súa conta e sen comunicarllo en ningún momento á directiva de Asetem-Cca. Os socios definiron esta manobra como “unha actitude desleal e unha falta de respecto á asociación” e manifestaron que “o Concello debe colaborar e suplir a carencia de actividades, se é que a hai, pero non suplantar a iniciativa privada”.

As críticas non só se cinguiron á festa do polbo. Tamén houbo referencias ao II Salón da Voda, sobre o que os socios/as aseguraron ter a sensación de que “Asetem fixo boa parte do traballo e o Concello colgou as medallas”. Acusaron ao goberno local de tentar “facer política” cos eventos e de ter “excesivo afán de protagonismo”.

 

Obxectivos cumpridos

No seu balance do exercicio de 2012 a xunta directiva de Asetem-Cca destacou que a pesar da crise económica a asociación foi quen de manter un nivel de actividade semellante ao de anos anteriores. A presidenta da patronal melidense, Sonia Valiño, asegurou que foron necesarias “doses extra de traballo e de esforzo” e recoñeceu que “as novas situacións obrigaron a redefinir prioridades”. Nese senso sinalou que un dos principais obxectivos de Asetem-Cca foi “conseguir ese difícil equilibrio que consiste en axustar o gasto e manter un nivel de actividade aceptable”.  Segundo explicou a presidenta de Asetem-Cca, “xa non só se trata de ter a capacidade de aplicar estratexias para dinamizar a vida comercial ou de poñer en marcha cantas máis actividades de interese sexan posibles; trátase tamén de facer unha xestión responsable para garantir a estabilidade das nosas contas ea propia continuidade da asociación”.

Non obstante, Valiño amosouse “satisfeita” por ter logrado os obxectivos propostos e asegurou que “a contención no eido económico non supuxo en ningún momento a parálise da actividade”. Nesa liña referiuse á posta en marcha en 2012 dun grande evento, como foi o Salón da Voda de Melide, e o mantemento das principais campañas desenvolvidas dende vello pola patronal. Ademais destacou o bo traballo realizado no aspecto formativo, coa organización de numerosos cursos enfocados a sectores tan diversos como transportistas, traballadores da construción, da hostalería, gandeiros e directivos. Outra das liñas de actuación destacadas foi a sinatura de convenios a través dos que se intentou conseguir vantaxes para os socios.

 

Novos retos

Pola súa banda, a vicepresidenta de Asetem-Cca, Elena Quintas, deu a coñecer ante os socios os obxectivos que marcarán o funcionamento da patronal no presente exercicio. Entre os máis relevantes está a intención de reforzar e asentar o Salón da Voda, incrementando o orzamento do mesmo para conseguir unha maior divulgación e facelo máis atractivo para os visitantes potenciais. Tamén se acometerá unha profunda renovación da paxina web e estableceranse conversas con diversas entidades financeiras co obxectivo de buscar novas fórmulas de financiamento.

 

Outro dos obxectivos será intensificar a captación de novos sociospara fortalecer a estrutura da asociación e aumentar a representatividade de Asetem-Cca nos órganos provinciais e autonómicos de decisión. Ademais seguiranse multiplicando as actividades formativas que se ofertan dende o colectivo.