Asetem-Cca amósase satisfeita co resultado do II Salón da Voda e aposta por darlle continuidade’, ‘A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) cualifica de “satisfactorio” o resultado do II Salón da Voda celebrado o pasado 17 de marzo na vila, un evento que demostrou ser de utilizade para situar o comercio local no mapa e dinamizar a actividade económica da comarca. Co obxectivo de continuar nesa liña, a presidenta de Asetem-Cca, Sonia Valiño, asegura que dende a patronal “existe unha disposición total para seguir colaborando co concello e darlle continuidade á feira”. Valiño engade que é preciso “facer que o salón avance e se consolide, procurando incorporar sempre novos atractivos” e aposta por convertelo “nunha marca de identidade do comercio melidense”.
As parellas. O público obxectivo
“Conseguimos o máis importante; que veña público interesado no evento e que fagan as súas reservas”. As palabras do concelleiro de promoción económica, Santos López, no seu balance do Salón da Voda de 2013 recollen un dos aspectos diferenciais desta última edición, que evolucionou dende o ano pasado para converse nunha feira moito máis específica e cun público mellor definido; as parellas de noivos.
Un bo termómetro para medir o interese pola feira foi o número de futuros matrimonios que se inscribiron para participar no sorteo do cruceiro polo Mediterráneo: 36. A organización amósase satisfeita con esta cifra e destaca que “son 36 vodas que se van celebrar seguro e que poden deixar no comercio de Melide moitos cartos”. O premio quedou finalmente na casa, xa que foi parar a mans dunha parella da vila que prevé pasar polo altar en 2014. Con todo, foron moitos os noivos que se achegaron dende distintos puntos de Galicia: A Coruña, Lugo, Santiago, Lalín, Monterroso… o que dá unha idea da consolidación do salón de Melide como un referente a nivel autonómico.
Xuntos da man, con bolsas e algún que outro catálogo ou simplemente paseando polos stands, boa parte das parellas declaraban ter acudido ao salón “simplemente para coller ideas” ou para “inspirarse”. De todos xeitos, máis dunha decidiu ir atando cabos, para satisfacción do comerciantes. Unha das casas rurais presentes confirmou a celebración de tres convites e un estudo de fotografía recibiu a unha parella chegada ex profeso dende Santiago só para pechar o contrato. Nas xoierías non só se probaron alianzas, tamén se venderon algunhas.
Os comerciantes. Unha de cal e outra de area.
35 stands, 16 sectores comerciais diferentes e 49 negocios. Non hai opinións unánimes cando a variedade é tanta. Quizais sexa preciso acudir ao refraneiro popular para ilustrar a valoración que os empresarios fan do Salón da Voda e dicir que “cada un fala da feira como lle vai nela”. Non obstante, a maioría dos negocios consideran que a afluencia de público foi menor que na edición anterior pero destacan o interese crecente amosado polos visitantes: “o ano pasado era a novidade e veu moita xente por ver o que había”, explica Marina Ferreyra, de Casa Quinzán, “pero este ano nótase que o público está máis interesado e non só se dedica a mirar”. As sensacións foron semellantes no sector téxtil, dende o que María José Vilar, de Modas Alfonso, sinalaba que “houbo máis parellas e preguntaron máis”, algo que tamén confirma Minia Varela, de Tenda Xebre: “houbo menos xente pero eu fixen máis contactos. Agora a ver se callan, que esa xa é outra historia…”.
Menos optimistas se amosaron no sector dos vehículos de época, dende o que proporcionaban unha visión completamente distinta ao asegurar que “a xente só pasa para mirar” e “noutros salóns as parellas van máis ao gran pero aquí están bastante difusos”. Tamén houbo quen se queixaba de que “pola mañá só veu xente maior”, o que minguou as posibilidades de negocio.
Non obstante, a sensación xeral foi positiva e os comerciantes agardan xa unha próxima edición para, tal e como sinalou Marissa Sánchez de El Patio de mi casa, “seguir insistindo e ofrecer máis e mellor”.
A pasarela de moda. O grande atractivo
Foi unha das novidades que incorporou o Salón da Voda 2013 e sen dúbida a iniciativa que creou maior expectación entre o público. O desfile de moda nupcial, con dous pases, un á mañá e outro pola tarde, congregou no Pazo de Congresos melidense a un gran número de visitantes e rexistrou os picos de máxima afluencia.
Centos de persoas xuntáronse arredor da pasarela de moqueta vermella situada no centro do recinto para ver as propostas dos diferentes comercios, todos eles da comarca. Abriron o desfile os máis cativos para amosar a roupa da Casa das Luces e as orixinais americanas de deseño feitas por El patio de mi casa. A moda feminina para convidadas estivo representada polos vestidos de Tendas Valú, de Sobrado. De seguido veu o prato forte cos traxes para noivos de Tu Boutik, un comercio de recente apertura en Melide. Como colofón final chegaron as propostas máis agardadas, as de noivas. A tenda local Silvia Modas puxo sobre a pasarela tres vestidos diferentes, un deles da prestixiosa deseñadora coruñesa Silvia Cupeiro.
O concelleiro de promoción económica, Santos López, destacou a presenza da modelo de Ames Zulema Vázquez, “que lle deu unha gran difusión mediática á feira” e fixo fincapé no bo papel realizado por unha veciña de Melide, “que sorprendeu a todos no desfile” e foi a máis aplaudida polo público asistente.
A organización. O compromiso de seguir
Tanto o Concello de Melide como Asetem-Cca cualifican de “satisfactorio” o resultado dun evento que demostrou ser de utilizade para situar o comercio melidense no mapa e dinamizar a actividade económica da comarca. Co obxectivo de continuar nesa liña, a presidenta de Asetem-Cca, Sonia Valiño, asegura que “se farán todos os esforzos necesarios para darlle continuidade á feira e rematar de consolidala, procurando incorporar sempre novos atractivos”.
Durante a presentación do evento a alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, referiuse ao Salón da Voda como “a mostra de que esta vila é un sitio distinto no que seguimos sendo loitadores e por iso sairemos deste bache”. No acto tamén estivo presente a nova directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, quen destacou a importancia do asociacionismo para mellorar a actividade económica e quen asegurou que o Salón da Voda recolleu “toda a iniciativa que se respira, que se ve e que se traballa en Melide”.