Conta atrás para legalizar as naves da Madanela en terreo rústico’, ‘A maioría das edificacións afectadas, arredor dunha ducia, foron construídas antes da creación do polígono. Agora, para regularizar tanto as naves como a actividade, os propietarios deberán acreditar documentalmente que están en funcionamento dende antes do ano 2003.
Comeza a conta atrás para legalizar as naves industriais do Polígono da Madanela que están fóra de ordenación. O concello de Melide advertiu aos afectados de que dispoñen tan só dun prazo de tres meses, ata primeiros de abril, para axustarse á legalidade. “É un proceso complexo pero anímovos a que o fagades porque se trata da última oportunidade”, remarcou a alcaldesa, Ánxeles Vázquez, no transcurso dunha reunión cunha ducia de empresarios celebrada na casa do concello.
A maioría das naves afectadas foron construídas en terreo rústico antes da creación do polígono. Agora, para regularizar tanto as edificacións como a actividade, os propietarios deberán acreditar documentalmente que están en funcionamento dende antes do ano 2003. A isto terán que acompañar un informe técnico de solvencia e unha reportaxe fotográfica.
Os empresarios aproveitaron o encontro para manifestar o seu malestar pola lentitude do concello ao tramitar as licenzas de actividade e polas trabas que poñen os servizos técnicos aos plans de reforma ou ampliación de naves. Algún empresario asegurou ter presentado ata tres proxectos diferentes e levar cinco anos esperando para obter unha licenza. “A partir de xaneiro poñerémonos a fondo con ese tema. Todas as licenzas van saír adiante porque o polígono non pode estar parado”, respondeu Vázquez.
Depuradora
Na reunión informativa Ánxeles Vázquez tamén confirmou que Xunta e Concello descartan a construción dunha depuradora no polígono. Ámbalas dúas institucións están a estudar a posibilidade de canalizar as augas residuais ata a depuradora municipal. Técnicos de Augas de Galicia están xa a visitar empresas instaladas tanto dentro coma fóra do polígono para analizar o tipo de residuos que xeran. Vázquez cualificou de “loucura” a construción dunha nova depuradora “porque o proxecto custaría 3 millóns de euros e o mantemento sería carísimo”. Con respecto a isto engadiu que “temos catro depuradoras no rural e o único que facemos é recibir multas porque non as podemos manter adecuadamente”.
Ampliación
“É un tema peliagudo. Non o temos nada fácil”. Nestes termos se referiu a alcaldesa de Melide á posible ampliación do polígono da Madanela. Dende o goberno local contan con que a Xunta permita habilitar no Plan Xeral unha nova franxa con menor protección ambiental na que se poderían instalar empresas de transformación de recursos primarios ou vinculadas ao sector agrario, unha posibilidade que consideran insuficiente porque “queremos dar un paso máis”.
O grupo de goberno tamén lle comunicou aos empresarios que non se instalarán cámaras de videovixilancia na Madanela porque “aínda que a colocación do sistema está subvencionado, o concello non ten cartos para pagar a porcentaxe que lle toca”. A instalación custaría un total de 200.000 euros, dos que o concello tería que aportar arredor de 50.000