A Dirección Xeral de Comercio ofrece cursos gratis de inglés, alemán e francés para profesionais do sector’, ‘A Dirección Xeral de Comercio ofrece aos traballadores do sector a posibilidade de realizar cursos de idiomas de nivel básico de xeito gratuíto nas escolas de idiomas de Santiago, A Coruña e Lugo, cunha duración de 40 horas. O prazo de inscrición xa está aberto para todos os interesados e prolongarase ata o 10 de marzo, incluído.’, ‘

Para levar a cabo os cursos, de 20 prazas cada un, é obrigatorio contar cun mínimo de 10 alumnos matriculados. As matrículas poden formalizarse cumprimentando o modelo normalizado que se recolle na páxina web da Dirección Xeral de Comercio, á que se accede a través dun enlace na da Consellería de Economía e Industria (http://economiaeindustria.xunta.es). Os comerciantes e todo o persoal relacionado co sector que queiran acceder aos cursos deberán enviar inscricións ben ao enderezo de correo electrónico cei.dxcomercio@xunta.es, ou ben aos números de fax 981.545.590 e 981.545.541.
Na cidade da Coruña desenvolverase un curso de francés e outro de alemán. O primeiro celebrarase, desde o día 12 de marzo, os luns, mércores e xoves, de 13:30 a 15:00 horas. O de alemán, pola súa banda, comezará o próximo día 13, con clases os martes, mércores e xoves, de 13: 30 a 15:00 horas.
En Santiago, haberá desde o día 12 dous cursos de francés. Un comprenderá clases os luns e xoves, de 10:00 a 12:00 horas, e outro, os luns e xoves, de 12:00 a 14:00 horas. A localidade compostelá contará tamén cun curso de inglés, que comezarán o 12 de marzo e impartirase os luns e xoves, de 12:00 a 14:00 horas.
En Lugo, impartirase a partir do 13 de marzo o curso de inglés básico. As clases serán os martes de 16:00 a 17:30, xoves de 20:30 a 22:00 e venres de 16:00 a 17:30.
Desde a Delegación Territorial da Xunta na Coruña, considérase que estes cursos serán especialmente útiles, dado que permiten adaptar o programa formativo para o colectivo específico ao que vai dirixido, facendo fincapé no vocabulario e nas fórmulas de expresión que son máis habituais  no sector do comercio.