Librería Cousas reparte o primeiro e o segundo premio da campaña «Este Nadal toca en Melide»‘, ‘A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) culminou a campaña de Nadal 2012-2013 co sorteo de 6.000 euros entre os clientes que ao longo dos últimos 40 días realizaron as súas compras no comercio local.
A extracción dos boletos premiados realizouse ante notario na sé da patronal e serviu para outorgar 22 premios: un de 2.000 euros, un de 1.000 euros, dez de 200 euros e outros dez de 100 euros. En total sacáronse 44 rifas, a metade como titulares e a outra metade en concepto de reserva, de entre os máis de 48.000 que repartiron os establecementos participantes. Tanto o primeiro como o segundo premio foron entregados por Librería Cousas. A fortuna vai da man desta tenda melidá, pois o ano pasado tamén deu o boleto que obtivo o primeiro premio.
Os clientes agraciados terán agora de prazo ata o xoves 31 de xaneiro para presentar nas oficinas de Asetem-Cca as rifas premiadas, tanto as titulares como as de reserva. De non aparecer o posuidor do número titular, o premio será entregado a quen presente o número reserva. Nos vindeiros días fixarase unha data para celebrar o acto oficial de entrega, no que os clientes ganadores recibirán o galardón de mans dos titulares dos establecementos que lles deron a rifa agraciada. Obterán vales de 50 euros ata completar o valor do premio acadado. Deberán consumilos nos 15 días seguinte á data nos que os recibiron e poderán elixir libremente entre os 66 comercios que participaron na campaña.
Unha campaña marcada pola crise
A xunta directiva de Asetem-Cca amósase “moderadamente satisfeita” co resultado da campaña Este Nadal toca en Melide, que se vén realizando ininterrompidamente nos últimos quince anos e que sen dúbida é a que conta con maior aceptación entre clientes e comerciantes.
A presidenta da entidade, Sonia Valiño, destaca que “nos tempos difíciles que estamos atravesando, fomos quen de manter o nivel de premios e repartimos practicamente o mesmo número de rifas ca en anos anteriores”. Na presente campaña participaron 66 establecementos, fronte aos 71 do ano pasado, e repartíronse 48.000 boletos. Son 2.000 menos ca na campaña anterior, “unha diferenza mínima”, explica Sonia Valiño, “que é a mostra de que o comercio de Melide segue vivo e con ganas de facer fronte á adversidade”.
Con todo, a patronal melidense constata que en xeral se produciu un descenso nas vendas e que en termos económicos a presente campaña “foi peor cá de anos anteriores”. Así o recoñece a presidenta de Asetem-Cca, quen explica que “con botar unha simple ollada ás rúas de Melide en días clave do Nadal xa se podía apreciar que había menos actividade”.
Por sectores, o téxtil foi o que máis acusou a caída de vendas e algúns establecementos non dubidan en cualificar a campaña como “mala”. Sinalan que apenas notaron os efectos nos días previos ao 25 e aseguran que en reis “houbo algo máis de movemento pero para nada comparable ao ano pasado”. Esta última idea é compartida polos propietarios de bazares e tendas de regalos variados, quen confirman que este ano “o boom de última hora na véspera de reis non existiu”. Aínda así, amósanse máis conformes co resultado da campaña e consideran que foi “boa para os tempos que corren”.
Noutro dos sectores estrela nas compras de Nadal, o da xoiería, foron precisamente os regalos de reis os que salvaron a campaña. Os profesionais do gremio destacan que lograron manter as vendas neses días aínda que recoñecen que de cara a Papá Noel foron inferiores. “O poder adquisitivo da xente xa non é o que era”, explica Sonia Valiño, “cada vez son menos as persoas que se poden permitir regalar dúas veces e á hora de escoller decántanse polos reis, que foi cando se regalou toda a vida”.