RAFAEL RODRÍGUEZ GAIOSO, PRESIDENTE DE MELISA“ O software actual só busca a rendibilidade para as multinacionais, non para os usuarios”’, ‘O primeiro contacto de Rafael Rodríguez coa informática produciuse cando tiña trece anos. Convenceu a seus pais para que lle mercasen un Amstrad, o ordenador de moda nos inicios dos 80, e emprendeu un camiño no que xa non houbo marcha atrás. Fixo da afección a súa profesión. Licenciouse na Coruña e volveu a Melide para rexentar durante oito anos unha tenda de informática na que descubriu “as maldades” do software privativo. O das grandes multinacionais. O que utiliza arredor do 90% dos ordenadores. Viu que como profesional tiña máis que aportar e iniciou unha loita titánica, consciente de que nada contracorrente, por divulgar as bondades do software libre, no que confía como instrumento de progreso e de igualdade. Dende 2008 canaliza este seu empeño a través da Asociación de Software Libre de Melide (Melisa), que preside na actualidade.

-Os divulgadores do software libre sodes, en certo  modo, uns antisistema?
-Si. Estamos ante a comercialización de produtos por parte de grandes multinacionais que para nada se preocupan dos problemas locais. O sistema fai que todos sexamos iguais e iso non ten sentido tampouco na tecnoloxía. Non é lóxico que máis do 90% de equipos informáticos utilicen o mesmo sistema operativo. Quen se preocupa das túas necesidades? O sistema está monopolizado e nese sentido si que imos contracorrente.
-Que alternativa ofrece o software libre?
-Podes copialo e distribuílo de xeito legal. E, sobre todo, modificalo de acordo coas túas necesidades. Iso permitiría, por exemplo, ver software adaptado ao entorno rural e ás explotacións gandeiras. Ou ás  necesidades das empresas. É unha forma de xerar emprego. O sistema actual busca rendibilidade para as multinacionais, non para os usuarios.
-O usuario, por defecto, sempre accede ao software privativo. Cal é o xeito de acceder ao libre?
-O privativo acostuma a vir instalado nos equipos cando se mercan, sobre todo nos portátiles. Para saír desa situación, o usuario ten que buscar axuda no seu entorno: en voluntarios, en amizades, en foros da internet ou en asociacións como Melisa. A axuda e o consello son fundamentais para iniciarse no  software libre. A transición dun sistema a outro debe ser gradual porque hai hábitos adquiridos que se deben cambiar.
-Pode supoñer un aforro para empresas e administracións ?
-Si, a medio e longo prazo, porque te libras das ataduras que che impón unha marca comercial. De todos xeitos, é preciso destacar que o software libre non é gratis. Co tempo resulta máis barato porque se poden facer copias. O que nunca é gratis son os servizos: a formación para usalo, adaptalo ás túas necesidades, cambiarlle o idioma… nesa parte é onde entra o negocio.
-Que implantación está tendo na comarca?
-A nivel privado temos constancia de que hai xente que xa o usa. A Consellería de Educación estase preocupando porque todos os equipos cheguen xa aos colexios  con software libre. E na administración local hai moito interese. A radio municipal utiliza unicamente software libre.  É unha experiencia piloto dentro do concello que poida que se estenda a outros ámbitos.
-Que actividades desenvolve Melisa?
-Sobre todo labor de divulgación e difusión en centros de ensino e concellos limítrofes. Colaboramos con outras asociacións na organización de eventos e agora estamos involucrados no Plan de Voluntariado Dixital da Xunta. Somos unha asociación de base, facemos un labor de proximidade.
-Que significa Melisa?
-No software libre utilízanse moito os acrónimos. Sempre hai un xogo de palabras. “A” vén de Asociación, S de software, LI de Libre e ME de Melide. Puxémolo ao revés e lido de esquerda a dereita, como é habitual, saíu Melisa. A vaca frisona é a nosa mascota.