Mercamelide renóvase para reforzar o seu atractivo’, ‘O Pazo de Congresos de Melide acolle os días 11 e 12 de febreiro a novena edición do Mercamelide, a feira de saldos local. O evento incluirá varias novidades, como a presenza da máquina filloeira de Lestedo ou a renovación de stands. Trinta comercios da vila ofrecerán os mellores produtos aos mellores prezos.
Xa está aquí a novena edición da feira de oportunidades Mercamelide, que chega na súa versión de inverno con numerosas novidades. A máis destacada será a presenza da máquina filloeira de Lestedo, capaz de fabricar 1.500 unidades por hora. Estará no recinto o domingo día 12 e repartirá filloas de balde a todas as persoas que se acheguen ata o lugar.
Ademais haberá inchables para os cativos e o chan, por primeira vez, terá corredores de moqueta. “É unha visión distinta, con novas ideas, para reforzar o apoio a un sector que ten moita incidencia na economía da vila”, sinalou Santos López, Concelleiro de Turismo e Promoción Económica, na xornada de presentación do evento.
Mercamelide contará con 30 expositores e outros tantos comercios participantes que ofrecerán os seus artigos a prezos moi reducidos durante toda a fin de semana. Haberá produtos de calzado, roupa, complementos, fogar, mobles, decoración, menaxe, lencería, deportes, mercería ou perfumería. Este ano tamén se instalará un gran espazo dedicado aos electrodomésticos. Mercamelide fará ademais unha aposta decidida pola gastronomía coa presenza de tres firmas que ofrecerán produtos ecolóxicos. O recinto estará aberto en horario ininterrompido de 11:00 a 20:00 horas.
Renovación de stands
Os cambios introducidos no Mercamelide son os primeiros pasos do que pretende ser unha renovación integral que afectará tamén aos propios expositores. De feito, nesta edición estrearase un novo stand feito polos alumnos do Ciclo da madeira do Instituto. Trátase dun patrón que servirá de modelo para a fabricación de novos expositores de cara a edicións futuras.
Segundo Santos López, “os postos de venda actuais están obsoletos e o obxectivo é renovalos todos, 30 en total, nos próximos tres anos”. Para esta edición do Mercamelide, o concello de Palas de Rei prestará 20 expositores
Por outra banda, a feira de oportunidades estrea tamén novo logo, identificado coa imaxe do comercio de Melide. Incorpora as cores azul e laranxa e simboliza as asas dunha bolsa de compra. O conxunto de novidades persegue incrementar o número de visitantes do Mercamelide e superar as cifras de edicións pasadas. A última, celebrada no verán, recibiu arredor de 22.000 persoas.
Novos proxectos
O edil de Promoción Económica avanzou que o concello e a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) están a traballar na organización dunha feira de vodas. Na iniciativa tamén participa Rebeca Ponte (Madame Chocó). O mes de abril perfílase como a data máis probable para celebrar o evento.