Os tres candidatos á alcaldía de Melide responderon en Asetem-Cca ás inquietudes dos asociados’, ‘Abordaron cuestións relativas á ampliación de solo industrial, a chegada da autovía A-54 a Melide ou o fortalecemento dos sectores industrial, empresarial, comercial e turístico

Os tres candidatos á alcaldía de Melide -Socorro Cea (BNG), Manuel Prado (PSOE) e Ánxeles Vázquez (PP)- acudiron este venres a un coloquio informativo organizado pola Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca), no que responderon ás preguntas que lles foron trasladadas por parte dos asociados.

 

O obxectivo desta charla, que se organizou a petición dun grupo de socios que así o demandaron na asemblea xeral da patronal celebrada en marzo, era que os asociados puideran coñecer de primeira man as intencións e proxectos dos tres grupos políticos no relativo ó desenvolvemento do tecido empresarial e comercial.

 

O acto, que estaba limitado exclusivamente a asociados, contou cunha notable asistencia. Foi presentado pola xerente da asociación, Pilar López, e moderado polo secretario, José Ramón Villamor. Os tres políticos respostaron ás preguntas propostas pola Xunta Directiva de Asetem-Cca en primeiro lugar e despois ás formuladas por parte do público.

 

Os tres candidatos á alcaldía falaron sobre cuestións relativas ó desenvolvemento urbanístico de Melide, centradas na ampliación de solo industrial contemplada no novo PXOM; á situación actual do tramo da autovía A-54; e expuxeron algunhas das súas medidas encamiñadas a fortalecer o desenvolvemento económico dos sectores industrial, empresarial, comercial e turístico na vila.

 

Houbo unha quenda de preguntas para o público, na que os asistentes plantexaron cuestións sobre o mantemento, vixilancia e prezo do solo no polígono empresarial da Madanela, sobre a organización das festas do San Roque ou qué medidas habería que desenvolver para afianzar a Melide como cabeceira de comarca.