Os empresarios da construción póñense ao día en prevención de riscos laborais’, ‘Ducias de empresarios da comarca repasan as súas responsabilidades nunha xornada impartida por Apecco
Ducias de empresarios e directivos do sector da construción das comarcas de Melide, Arzúa e Palas de Rei recibiron información sobre prevención de riscos laborais no transcurso dunha xornada impartida pola Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (Apecco) no local de Asetem da Rúa Lino Sexto Sánchez. As leis recentes e as últimas modificacións en materia de prevención de riscos centraron un coloquio de baixo perfil teórico no que os profesionais do sector tamén tomaron a palabra para plantear todas as súas dúbidas.
Os ponentes da xornada destacaron que os construtores descoñecen a miúdo aspectos importantes en materia de seguridade laboral e descoidan detalles cuxo incumprimento pode supoñer unha grave infracción. As sancións por irregularidades en materia de prevención oscilan entre os 40 euros e os 820.000.
Unha das faltas máis comúns entre os directivos da construción é esquecer que hai que renovar cada tres anos a inscrición no Rexistro de Empresas Acreditadas (REA), o que certifica que se cumpren os requisitos de calidade na prevención de riscos. Tamén é frecuente crer que non é necesario levar o Libro de subcontratación á obra. En relación con este documento realizouse unha detallada explicación práctica sobre como cumprimentalo.
O réxime de subcontratación no sector foi un dos temas que espertou maior interese entre os asistentes, moitos dos cales se viron sorprendidos por algúns aspectos desta normativa de 2007 que establece, por exemplo, que os autónomos non poden subcontratar. Tamén foi asunto de debate a prevención en obras menores e os cambios introducidos en 2010 no documento para a apertura de centros de traballo, necesario mesmo para a simple reforma dunha cociña e que o empresario deberá ter antes de enviar os obreiros ao lugar de traballo.
Houbo tempo ademais para falar da importancia da tarxeta profesional, o documento que acredita entre outras cousas a formación recibida polo traballador en materia de prevención, e das responsabilidades do construtor.
Todos estes temas foron expostos por un panel de expertos na materia entre os que figuraban Miguel García Eiroa, xerente de APECCO, Francisco Nores Quesada, xefe de seguridade na construción do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), José Manuel Blanco Montero, xefe de prevención de Acciona en Galicia, e Juan Carlos Fernández Herrero, director de formación de APECCO. Todos eles incidiron na importancia de tomar a prevención en serio e de actualizar coñecementos asistindo a cursos presenciais.
Aumenta un 150% o número de accidentes laborais en Melide dende 1995
Malia que as esixencias na prevención de riscos laborais son cada vez maiores e tanto empresarios coma traballadores semellan estar máis concienciados en materia de seguridade, as cifras ofrecen un panorama moi negativo no que ao concello de Melide se refire.
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, no municipio producíronse en 2009 (último ano do que hai información dispoñible) 65 accidentes laborais, o que supón un incremento do 150% con respecto a 1995, cando se rexistraron tan só 26 accidentes. Esta tendencia crecente confírmase en todos os concellos da comarca. Así, Santiso pasou de 6 accidentes en 1995 a 15 en 2009, Sobrado de cero a 12 e Toques de 1 a 6. No conxunto da Terra de Melide o aumento foi do n196%. No obstante, a nota positiva pona o número de accidentes graves. No ano 2009 entre os 4 concellos da comarca só sumaron 4, o que representa menos do 5% do total de accidentes.
A Terra de Melide, con 98 sinistros contabilizados en 2009, non lidera o ranking da contorna. Por enriba está a comarca de Arzúa, con 111 accidentes. A Ulloa rexistrou 39. Os servizos, seguidos da agricultura e da construción, son os sectores máis problemáticos. En concreto no da construción producíronse no que vai de ano na provincia da Coruña, segundo datos do Instituto Galego de Saúde Laboral, 240 accidentes, dos que 4 foron graves e 2 mortais. O ano pasado houbo 309 sinistros, ningún mortal.