Tres meses de descontos no comercio de Melide coa nova campaña lanzada por Asetem-Cca ‘, ‘Xa está en marcha a campaña “Aforra co bono Asetem”, a última iniciativa da Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) que durante os próximos tres meses repartirá máis de 2.700 euros en vales-desconto entre os consumidores do comercio local.’, ‘O cliente que atope entre as páxinas deste xornal un vale coma o que figura na fotografía da marxe dereita está de noraboa; é o Bono Asetem, que lle permitirá beneficiarse dunha rebaixa de 6 euros cando realice unha compra superior a 30 en calquera dos establecementos asociados a Asetem-Cca. Para obter o desconto abondará con presentar o vale no momento de mercar. O Bono Asetem terá validez entre o 4 de setembro e o 31 de novembro, que son as datas de inicio e remate da campaña. Durante ese tempo o cliente terá a posibilidade de escoller entre arredor de 140 establecementos diferentes para consumir o seu vale-desconto; un amplo abano de comercios e empresas que figuran no reverso do propio bono e tamén na seguinte páxina (número 6) deste periódico. O cliente poderá acumular bonos, pero neste caso o desconto nunca superará o 10% do valor da compra. Isto é: se por exemplo merca un produto que custa 200 euros, a rebaixa a rebaixa que se aplicará non poderá ser superior a 20, aínda que o cliente teña catro, cinco ou máis bonos. Nesta primeira quenda a patronal melidense repartiu de forma aleatoria a través do xornal Cerne 150 bonos Asetem, que suman un total de 900 euros en descontos para os consumidores. Nos vindeiros meses de outubro e novembro repartiranse outros 300, de xeito que ao remate da campaña, “Aforra co Bono Asetem” permitirá aplicar descontos por un valor total de 2.700 euros. Asetem-Cca quixo desta volta deseñar unha campaña de dinamización comercial que comprendese a todos os establecementos asociados que a integran. É por iso que a iniciativa se abriu á participación de negocios de moi diferente natureza co obxectivo de que “Aforra co Bono Asetem” teña a máxima repercusión no tecido comercial melidense. A directiva da patronal melidense confía en que a campaña contribúa a fomentar o consumo nunha época na que as vendas diminúen debido á marcha dos visitantes do verán, a menor afluencia de turistas e a fin das rebaixas. Os comerciantes e empresarios que se sumaron á campaña deberán entregar na oficina de Asetem os bonos que reciban para recuperar parte do desconto que lle aplicaron ao cliente. Recuperarán 4 euros por cada vale. Os dous restantes deberán asumilos por conta propia. O comerciante poderá canxear o bono ata o 31 de decembro.