Rechazo xeneralizado do comercio melidense a unha subida do IVE que cualifica de “hachazo”’, ‘Os empresarios din que causará unha baixada no consumo e o peche de locais

A suba do IVE, que xa é unha realidade dende o pasado 1 de setembro, foi recibida con preocupación polo tecido comercial melidense. Pequenos empresarios e autónomos amosan o seu total rexeitamento a unha medida que agravará a xa precaria situación que atravesan moitos Negocios por mor da crise. Cren que a suba do IVE é “inadecuada” nun momento no que o consumo está en caída libre e consideran que, lonxe de facer que remonte, contribuirá a botalo por terra, poñendo contra as cordas a viabilidade das súas empresas. Algunhas voces van máis alá e auguran que a curto prazo máis dun negocio da vila non terá outro remedio ca botar o peche. A indignación é xeneralizada na maioría dos sectores. Entre os máis afectados está o das perruquerías, onde o tipo impositivo pasou do 8% ao 21%. Dende Santín & Amo perruqueiros, Sabela Santín fai súas as queixas manifestadas polas principais asociacións do gremio e considera que unha suba de 13 puntos no imposto supón un “hachazo” que deixa o sector “ferido de morte”. Nunha liña semellante se expresa Carlos Gómez, de Peluquería Gómez-Andón, quen cre que se traslada o incremento do IVE aos clientes “vai vir menos xente”. É por iso que, de momento, decidiu asumir a suba e non elevar os prezos: “aínda que só suba dous euros por servizo, a clienta vaino pensar máis e se viña unha vez á semana, virá unha vez ao mes”, explica. Pola contra, dende o sector da alimentación Teresa Torreiro, de Super Vilasoa, sinala que “se eu pago o IVE non me queda máis remedio ca poñerllo aos produtos”. Cre que a suba afectará “sobre todo” aos pequenos negocios e expresa a súa preocupación polo futuro: “o cliente levará o necesario, nada máis. Se a marxe de beneficio xa era pouca por culpa da crise, agora será peor”. Máis optimista se amosa Mónica Segade, que rexenta M&M Moda, un comercio de roupa. Malia considerar que “algo afectará” ao consumo, asegura ter a esperanza de que “non haxa un parón e a xente siga mercando como ata agora”. Non obstante, considera que a nova medida “obriga” a subir os prezos, algo que fará “con toda a mercancía nova que me vaia entrando”. Algo semellante farán en Librería Victorio, que non subirá os prezos ata novembro “porque xa temos todas as compras feitas”. De aí en adiante adecuaranse a “unha decisión política que non gusta a ninguén”. Con todo, o seu propietario, con moitos anos de profesión ao lombo, confía nun futuro mellor e lanza unha mensaxe optimista: “xa vivín épocas peores”. (Descarga o arquivo adxunto e infórmate da letra pequena da suba do IVE e o IRPF)