A Ruta das Setas e das castañas revoluciona a cociña melidense’, ‘O “Outono de Tapas” volve a Melide da man de Asetem-Cca para converter as cociñas da hostalería local nun auténtico laboratorio no que experimentar con dous dos produtos típicos desta época do ano: as setas e as castañas. (PINCHA NESTA NOTICIA E DESCARGA O ARQUIVO ADXUNTO COAS FOTOGRAFÍAS DAS TAPAS).

Dezaseis establecementos da vila participan na terceira edición deste concurso de tapas no que calidade e orixinalidade medran a pasos axigantados ano tras ano. Mostra do compromiso da hostalería local con esta iniciativa son uns pratos de coidada presentación e cada vez máis elaborados que nada teñen que envexar á chamada “alta cociña”. Castañas en todas as súas variedades (cocidas, asadas, feitas salsa ou crema), acadan a maridaxe perfecta cos cogomelos e novos ingredientes típicos de outono que os hostaleiros van incorporando na busca de  sabores e texturas. Tal foi o caso, este ano, do xabarín, do corzo e do  queixo Arzúa-Ulloa, que se incorporaron á paleta de gustos do “Outono de Tapas” en Melide.

Participar ten premio    

Centos de persoas puideron xa degustar boa parte das tapas en concurso a primeira fin de semana de novembro e terán unha nova oportunidade o venres día 9 e o sábado día 10.  Ao realizar unha consumición en calquera dos establecementos participantes recibirán unha tapa de xeito gratuíto. Os horarios de degustación son os seguintes: venres de 20:00 a 22:00 e o sábado de 13:00 a 15:00 e de 20:00 a 22:00.

Pero ademais de facer un percorrido polas exquisiteces dos bares e restaurantes de Melide, os clientes entrarán no sorteo dun lote de produtos ibéricos cedido por Distribucións O Carrizo só polo feito de puntuar a tapa que acaban de consumir. A papeleta de votación seralles entregada no propio establecemento e poderán valorar, nunha escala do 1 ao 5, a calidade do manxar nas categorías de “Mellor Tapa” e “Tapa innovadora”.

Ademais, haberá un premio especial para os clientes que proben polo menos o 50% das tapas en concurso. Trátase dunha estancia no Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei. Para entrar neste sorteo deberán cubrir un pasaporte cos selos dos locais que concursan. É necesario ter, como mínimo, oito selos.