Os hostaleiros participan na gravación dun documental para a TVG’, ‘Restaurante Alongos e Novo Continente foron seleccionados a raíz da súa participación na Ruta das Setas e das Castañas
As cámaras de televisión coáronse nas cociñas dos restaurantes melidenses para amosar a toda Galicia o bo facer da gastronomía local con dous produtos típicos do outono: as setas e as castañas. Os restaurantes Alongos e Novo Continente , ambos os dous inscritos na última Ruta de Tapas que organizou Asetem, foron seleccionados para participar nun programa para a TVG.
Trátase dun documental de 52 minutos, elaborado pola produtora compostelá Danga-Danga, que fala do potencial da castaña. O traballo aborda a vertente tradicional deste froito seco e tamén a máis innovadora, como a elaboración do marrón glacé ou a nova cociña. É aí onde Restaurante Alongos e Novo Continente aportaron a súa experiencia e prepararon ante as cámaras os pratos cos que participaron na última edición de Tapas de Outono: “Carrillera de becerro ao mencía con setas e castañas” e “ Esencia de outono en nórdico de castañas”. O documental emitirase a finais do mes de novembro.