Asetem lanza unha campaña de captación de subscritores para o xornal Cerne’, ‘A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) solicita a colaboración de todos os seus socios e dos veciños da comarca para manter con vida o xornal Cerne.

O periódico, que vén editando mensualmente a patronal melidense dende o ano 2005, atravesa na actualidade un momento de dificultades económicas como consecuencia principalmente da redución de axudas por parte das administracións públicas. Segundo explica a presidenta de Asetem, Sonia Valiño, “non se trata dunha situación crítica, pero estase a prolongar no tempo e fai necesario tomar decisións para que o xornal non desapareza no curto prazo”.

Na procura de novas fórmulas de financiamento, a xunta directiva de Asetem-Cca fai un chamamento en primeiro lugar aos seus socios e propón crear a figura do “colaborador/a de Cerne”, que contribuiría a soster o xornal cunha cota voluntaria mensual de cinco euros. Ser colaborador/a do Cerne comportaría unha serie de vantaxes que Asetem-Cca aínda non definiu por completo pero que poderían ir na liña de obter beneficios publicitarios ou de converter os establecementos que colaboren en distribuidores exclusivos do xornal.

Por outra banda, o chamamento esténdese “a todos os veciños da Terra de Melide que confíen na utilidade do xornal para a comarca”, explica Sonia Valiño. Neste caso, as persoas que colaboren pasarían a ser subscritores e polo pagamento da cota de cinco euros recibirían  o xornal nos seus domicilios todos os meses.

Para facerse socio colaborador ou subscritor do Cerne abonda con chamar ou acudir ás oficinas da patronal, na rúa Lino Sexto, onde os interesados poderán recibir máis información e resolver todas as dúbidas que teñan ao respecto. Asetem confía na boa resposta que terá a campaña e anima a apoiar “un proxecto colectivo de interese xeral”.