O comercio local reclama maior control nas feiras e mercados’, ‘A laxa aplicación do Regulamento Municipal da Venda Ambulante está a permitir que se produzan nos mercados e feiras dos domingos numerosas irregularidades nas que o comerciantes de Melide ven un prexuízo para os seus negocios e ante as que lle solicitan ao Concello maior control e contundencia.

                Unha das principais problemáticas reside na existencia de postos que, unha vez obtida a licenza, venden produtos non autorizados pola ordenanza municipal, moitos deles de procedencia incerta. Trátase de artigos como gafas “de óptica”, tal e como son anunciadas a viva voz, bixutería ou reloxos “de xoiería” a prezos ata tres veces inferiores ao que custarían na tenda. Na mesma liña véndense produtos cosméticos como colonias, pintura de uñas ou cremas solares, tampouco autorizados. Situados a poucos metros das tendas, os comerciantes ven nestes postos unha competencia desleal e piden que se fagan cumprir as normas.

Dende o Concello, que segundo establece a ordenanza é o encargado de “ordenar, inspeccionar e controlar” as feiras e mercados, quítaselle ferro ao asunto. O Concelleiro de Comercio, Santos López, sinala que o número de postos que incumpren a normativa é “irrelevante” entre os “preto de 150” que existen e xustifica a ausencia dun maior control na “precariedade” de medios humanos e na situación actual da Policía Local, que está “baixo mínimos”. Non obstante, o concelleiro asegura que se anotan “todas as incidencias” e engade que se solicitou á Xunta o envío de inspectores anónimos para detectar se se venden marcas falsificadas.

 

Produtos alimentarios

Outro dos puntos quentes do mercado dominical está na zona do casco vello dedicada á venda de produtos agrícolas e de alimentación. En moitas ocasións os artigos son expostos no chan, cando o regulamento municipal recolle que se deben colocar en mesas “a unha distancia non inferior a 60 centímetros”. Nalgúns casos mesmo se poden atopar a carón de animais como pitos ou coellos, cuxa venda non contempla a ordenanza.

Santos López recoñece as anomalías e explica que se producirá un cambio “radical” en canto o Concello reciba a subvención que agarda da Xunta para a compra de mobiliario, que se prestará aos produtores e vendedores. En referencia á Rúa da Alhóndiga, sinala que “estará como ten que estar no século XXI e non como está agora, no XIX”. Avanza, por outra banda, a intención do goberno local de estender a venda de produtos agrícolas á praza do Pozo Pequeno.

 

Unha foto “variable”

Outras das irregularidades detectadas refírense á presenza de furgonetas aparcadas no recinto do mercado ou á colocación de mercadoría fóra da superficie do posto, ocupando nalgúns casos a estrada. Non se cumpre tampouco o establecido con respecto á limpeza dos espazos dedicado á venda, que corresponde aos titulares dos postos.

Dende o goberno local sinalan que é inevitable que “algo se escape” xa que o responsable do mercado “ten que loitar el só con case 200 postos nos días de feira”. A este respecto Santos López explica que “o mercado non é unha foto fixa, senón variable, e se está nun lado non está noutro”.