Tres meses de descontos coa campaña do Bono Asetem’, ‘Xa está en marcha a campaña “Aforra co bono Asetem”, unha iniciativa da Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) que durante os próximos tres meses repartirá máis de 2.700 euros en vales-desconto entre os consumidores do comercio local.
O cliente que atope entre as páxinas do xornal Cerne un vale coma o da fotografía está de noraboa; é o Bono Asetem, que lle permitirá beneficiarse dunha rebaixa de 6 euros cando realice unha compra superior a 30 en calquera dos establecementos asociados a Asetem-Cca. Para obter o desconto abondará con presentar o vale no momento de mercar. O Bono Asetem terá validez entre o 6 de setembro e o 31 de novembro, que son as datas de inicio e remate da campaña. Durante ese tempo o cliente terá a posibilidade de escoller entre arredor de 140 establecementos diferentes para consumir o seu vale-desconto; un amplo abano de comercios e de empresas que figuran no arquivo adxunto que poderá atopar ao final desta noticia.
O cliente poderá acumular bonos, pero neste caso o desconto nunca superará o 10% do valor da compra. Isto é: se por exemplo merca un produto que custa 200 euros, a rebaixa non poderá ser superior a 20, aínda que o cliente teña catro, cinco ou máis bonos.
Nesta primeira quenda a patronal melidense repartiu de forma aleatoria a través do xornal Cerne 150 bonos Asetem, que suman un total de 900 euros en descontos para os consumidores. Nos vindeiros meses de outubro e novembro repartiranse outros 300, de xeito que ao remate da campaña, “Aforra co Bono Asetem” permitirá aplicar descontos por un valor total de 2.700 euros.
Unha campaña para todos
Os comerciantes e empresarios que se sumaron á campaña deberán entregar na oficina de Asetem os bonos que reciban para recuperar parte do desconto que lle aplicaron ao cliente. Recuperarán 4 euros por cada vale. Os dous restantes deberán asumilos por conta propia. O comerciante poderá canxear o bono ata o 31 de decembro.
A directiva da patronal melidense confía en que a campaña contribúa a fomentar o consumo nunha época na que tradicionalmente as vendas diminúen debido á marcha dos visitantes do verán, a menor afluencia de turistas e a fin das rebaixas.