A Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide pon en marcha dúas iniciativas para dinamizar o comercio de proximidade da localidade durante o mes de outubro: a campaña Vive o Samaín no comercio local e Aberto os domingos. Ambas buscan incentivar as compras e reforzar a visibilidade dos establecementos asociados.
A iniciativa de “Aberto os domingos” busca reforzar as vendas nos establecementos que abren en domingo e celebrarase os días 18 e 25 de outubro.
Nesta campaña poderán participar todas as persoas que compren, por valor de 30 euros nun só tícket ou en varios, nos comercios e locais de hostalería asociados durante os domingos sinalados. Entre as compras realizadas que se suban á App de Asetem sortearanse 20 vales de 10 euros para gastar nos establecementos adheridos.
O sorteo desta iniciativa realizarase o martes 27 de outubro e o nome das persoas gañadoras publicarase nas redes sociais e na páxina web da entidade empresarial.
Os días 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro celebrarase a campaña “O Samaín no comercio local” que combinará reparto de caramelos, participación nas redes sociais e sorteos de vales de compra.
Todas as nenas e nenos que acudan disfrazados, na tarde do venres 31, aos comercios adheridos á campaña, os cales se identificarán pola decoración con globos negros, recibirán doces e lambetadas.
Ademais, as persoas socias das ANPAs colaboradoras que suban unha foto cos seus disfraces ás redes (Facebook ou Instagram) e etiqueten a ASETEM poderán gañar un vale de compra de 100 euros.
Por outra parte, as persoas que merquen nos establecementos asociados os días 30 e 31 de outubro e 1 de novembro poderán subir os seus tíckets á App de Asetem entrarán no sorteo de 4 vales de 50 euros. O sorteo de todos os vales de compra realizarase o 4 de novembro e publicaranse os nomes das persoas gañadoras na páxina web e redes sociais da Asociación empresarial.
Dende a directiva da Asociación fan fincapé en que “con estas dúas campañas, AsetemCCA reforza a actividade comercial nun período clave e de actividade máis baixa, combinando a participación da clientela, dos nenos e nenas, e os incentivos directos ao consumo”.