Casa Juanito e Ultramarinos Aceiteiro, protagonistas da campaña “A semana do teu comercio”’, ‘A Dirección Xeral de Comercio homenaxeou estes dous establecementos por ser os máis antigos de Melide e superar os 100 anos de vida

Ultramarinos Aceiteiro e Casa Juanito recibiron o pasado 30 de outubro cadanseu diploma en recoñecemento á súa traxectoria centenaria. A Directora Xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, desprazouse ata Melide para participar na homenaxe, un acto sinxelo co que se quixo premiar os 103 anos de vida destes establecementos así como o seu bo facer e a proximidade co cliente; características propias do comercio tradicional.

Durante a súa visita a Ultramarinos Aceiteiro, Sol Vázquez destacou a tradición comercial de Melide e o mérito que ten saber adaptar un negocio no tempo para lograr mantelo en activo durante tantos anos. Antonio Rodríguez Pampín, propietario do negocio, amosoulle á directora xeral unha libreta de alugueres de 1898 pertencente a Casa Elisa, a pensión da Rúa do Convento que foi a orixe do posterior negocio de ultramarinos. Tamén amosou unha réplica das bolsas de papel que se repartían na tenda, onde se podían ler parte dos servizos ofrecidos polo comercio a principios de século pasado, algúns deles moi novidosos, como a distribución de cemento ou de cervexa en barril.

De seguido, a directora xeral, acompañada por membros de Asetem e do goberno local, desprazouse ata Casa Juanito para facerlle entrega do diploma a Juan José Rodríguez Mariño e a seu fillo, que quixeron que todos os seus empregados fosen partícipes da homenaxe simbólica. Tras convidar aos asistentes a degustar algúns dos produtos que teñen á venda, Juan José “pai” recordou os tempos de nos que se impulsou a creación de Asetem, fundada hai 24 anos e da que tanto Casa Juanito como Utramarinos Aceiteiro son socios dende o primeiro día.

 

Ao fío, a directora xeral destacou a importancia das asociacións de empresarios como a da Terra de Melide tanto para canalizar as necesidades dos comerciantes como para dinamizar a vila. “Sen entidades como Asetem, sería moi complicado potenciar o pequeno comercio”, sinalou Vázquez Abeal. O recoñecemento a Ultramarinos Aceiteiro e Casa Juanito enmárcase na campaña da Xunta “A semana do teu comercio”, que estes días se dedica a Melide e que está a viaxar polos 52 centros comerciais abertos de Galicia.