Setas e castañas invaden os bares de Melide no IV Outono de Tapas’, ‘Non hai época do ano coma o outono na que mellor preste un lugar ao abrigo, un prato de comida e unha boa compañía. Unha combinación perfecta que Asetem-Cca pon de novo ao alcance de veciños da comarca e visitantes na cuarta edición do Outono de Tapas, unha ruta polos bares e restaurantes da vila na que se poderán degustar preto de 20 propostas gastronómicas diferentes elaboradas con dous produtos típicos da época: as setas e as castañas.

Cando e onde?

O casco urbano urbano de Melide concentrará toda unha variada oferta culinaria en dúas fins de semana de novembro.  Dous venres (15 e 22) e dous sábados (16 e 23) serán os días nos que os clientes poderán degustar de xeito totalmente gratuíto, e polo simple feito de realizar unha consumición, as tapas a concurso. Serviranse en horario de 20:00 a 23:00 horas os venres e en horario de 13:00 a 15:00 polas mañás e de 20:00 a 23:00 polas tardes os sábados.

 

Moito que probar

Este ano, con 18 establecementos implicados na ruta de tapas, bátese un récord de participación no que á edición de outono se refire. “Nunca antes se inscribiran tantos bares”, sinala a presidenta de Asetem-Cca, Sonia Valiño, “é unha cifra moi elevada para unha vila pequena como Melide e dá idea da aceptación que ten esta ruta tanto por parte dos negocios como dos clientes”. Tamén este ano participan varios locais por primeira vez. Xunto con outros que xa son un clásico desta ruta das setas e das castañas, elaborarán pratos para todos os gustos.

 

Tapas con premio

As persoas que se animen a participar no Outono de Tapas non só quedarán cun bo sabor de boca senón que tamén terán a posibilidade de facerse con interesantes premios. Só polo feito de probar e  puntuar os pratos, entrarán no sorteo dunha sesión no circuíto termal do Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei. As papeletas de votación seranlles entregadas nos propios establecementos e poderán valorar, nunha escala do 1 ao 5, a calidade do manxar nas categorías de “Mellor tapa” e “Tapa innovadora”.

Ademais haberá un premio especial para os clientes que proben polo menos o 50% das tapas en concurso. Trátase dunha noite para dúas persoas con cea e almorzo incluído no pazo de Eidián (Agolada), onde terán ademais dereito a utilizar todas as instalacións e servizos deste hotel rural.