O Pazo de Congresos de Melide acolle os días 8 e 9 de febreiro a XIII feira de saldos con récord de stands, novos sectores e alternativas de ocio

Mercamelide Febrero 2014 Plano MercamelideMelide, 4 de febreiro de 2014. O Van xa trece edicións, pero o Mercamelide non deixa de medrar e de ofrecer ano tras ano importantes novidades. O Pazo de Exposicións e Congresos acollerá os días 8 e 9 de febreiro unha nova entrega desta feira de oportunidades que chega en 2014 cun récord de participación: serán en total 33 os comerciantes que vendan os seus produtos a prezos rebaixados, con descontos de ata o 70%, durante toda a fin de semana.

 

Novos sectores

“Non medramos só en número, senón tamén en variedade”, salientou o concelleiro de Promoción Económica, Santos López, na presentación do evento. Así é, pois o Mercamelide de inverno contará este ano por primeira vez cun stand de xoguetes e outro de froitas no que se venderá unha tonelada de laranxas. Ademais haberá un expositor dedicado integramente a disfraces e artigos de Entroido.

No recinto feiral, que abrirá en horario ininterrompido de 11:00 a 20:00 horas, seguirán estando presentes os sectores que se incorporaron nas últimas edicións, como a xardinería, os mobles antigos ou o material de construción e,  por suposto, non faltará a roupa e o calzado, sectores que “seguen indo a máis”.

 

Viño, pulpo e filloas

Tamén segue indo a máis a oferta gastronómica do Mercamelide de inverno, que contará cunha viñoteca, un posto de churros e cun espazo onde os asistentes poderán degustar un dos produtos típicos da vila; o polbo. Por outra parte, e tendo en conta o éxito acadado hai dous anos, o domingo estará de novo a máquina filloeira de Lestedo, capaz de cociñar 1.500 unidades por hora.

 

Ocio e premios

Coa intención de que o Mercamelide “non sexa un espazo de ida e volta, senón un lugar no que a xente quede e poida disfrutar”, tal e como sinalou o concelleiro de Promoción económica, a feira de saldos inclúe máis atractivos que o puramente comercial. Un deles serán os obradoiros de Sogama, que levará ao parque infantil instalado no Pazo de Congresos un xogo xigante de reciclaxe. A iniciativa forma parte da campaña “Separemos ben, reciclemos mellor”, que ten por obxectivo concienciar aos máis cativos sobre o coidado do medio ambiente.

Para eles haberá tamén inchables gratuítos e para os clientes que pasen polo recinto suculentos premios. O sábado sortearanse dúas cestas con produtos de alimentación e o domingo 500 euros entre todas as persoas que merquen, como mínimo, en tres expositores. O sorteo será ás 7  da tarde.

Asetem e o Concello de Melide animan a acudir a un evento único na comarca que destaca pola súa singularidade: “normalmente asóciase a feira de saldos ao baratillo, pero Mercamelide non é iso”, insistiu a presidenta da patronal melidense, Sonia Valiño, “é unha feira onde se venden produtos a baixo prezo pero de calidade e con todas as garantías”.