Asetem acollerá nos próximos meses dous cursos gratuítos para traballadores en activo:

– Ferramentas de comunicación: 45 horas de duración (40 presenciais e 5  de teleformación). Celebrarase entre o 23 de abril e o 29 de maio, de luns a xoves, en horario de 20:00 a 22:30 horas.

– Técnicas de venda: 45 horas de duración (40 presenciais e 5 de teleformación). Celebrarase entre o 26 de maio e o 27 de xuño, de luns a xoves, en horario de 20:00 a 22:30 horas.

Os cursos van dirixidos a traballadores en activo pero tamén poderán participar desempregados se non se completan as 15 prazas dispoñibles en cada un. Non se adminten traballadores autónomos. A inscrición poderá formalizarse a través da páxina web da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), buscando os cursos no apartado de “Formación”, ou ben na oficina de Asetem-Cca.

https://www.cec.es/17/es-ES/Formacion/1/508/

Manexo das técnicas de Venda

Neste curso enfocarase a venda como un proceso complexo no que inflúen moitas variantes e que non se reduce ao simple intercambio do produto, senón que empeza moito antes. As persoas participantes aprenderán a crear unha estratexia e a aplicar no mercado actual as diferentes técnicas de venda.

Tras re pasar as habilidades que debe ter un bo vendedor, o curso centrarase na fidelización e no xeito en que debemos proceder para conseguir que un cliente se converta en habitual e volva mercar os nosos produtos. Neste apartado abordarase a psicoloxía do cliente, o xeito de empatizar con el e a importancia das técnicas de comunicación verbal e non verbal.

No seguinte dos módulos tratarase a resolución de conflitos e de reclamacións. O alumnado aprenderá a manexar as situacións problemáticas dentro do proceso de venda e a converter as queixas nunha oportunidade de negocio.

Por último, o curso incorpora un apartado dedicado exclusivamente á venda 2.0. Preténdese facer partícipes aos asistentes do manexo profesional das novas tecnoloxías para a venda presencial e on-line. A aprendizaxe farase cun exemplo práctico no que se deseñará, distribuirá e promocionará un produto creado durante o curso.

 

 Técnicas de comunicación

 A programación deste curso centrarase en desenvolver habilidades de comunicación en tres eidos específicos: a nivel persoal, a nivel social e a nivel empresarial.

– Comunicación persoal: a finalidade deste bloque temático é que o alumnado aprenda a comunicar en positivo e que sexa consciente do impacto que ten o seu xeito de comunicar; é dicir, como contribúen á consecución dos nosos obxectivos as cousas que dicimos e a forma en que as dicimos.

– Comunicación social: neste módulo proporcionaránselle aos participantes certas pautas para que saiban manexarse en situacións de comunicación en grupo: presentacións públicas, reunións, exposicións… Abordaranse as principais técnicas para a emisión de mensaxes e afondarase nos conceptos clave para comunicar con éxito: claridade, concreción, sinxeleza e naturalidade.   Tamén se tratará o impacto que ten a comunicación non verbal e a importancia de saber empregar os recursos xestuais.

– Comunicación empresarial: para que as empresas sexan eficaces, debe haber unha correcta comunicación a nivel interno, externo e corporativo. Estes son os temas dos que se falará neste módulo que inclúe un apartado para a comunicación escrita e as redes sociais.