Por terceiro ano consecutivo e baixo o lema “Casa comigo… en Melide”, o Salón da Voda converterá a vila nun grande escaparate onde 37 negocios de 16 sectores diferentes poñerán a disposición das parellas de noivos todo o que precisan para organizar o seu casamento, dende a despedida de solteiro/a ou a viaxe da lúa de mel ata a decoración do fogar do futuro matrimonio. Comerciantes e empresarios locais desenvolverán un papel relevante nesta cita que busca amosar o potencial da comarca no que ao eido nupcial se refire e consolidala como un referente dentro de Galicia.
ϕ Os obxectivos: un evento singular para un público específico
Dende a primeira edición, tanto Asetem como o Concello e os propios negocios participantes quixeron facer do Salón da Voda de Melide un evento singular. Iso é o que explica que se celebre ás portas da primavera e nunha data atípica para este tipo de certames. É o xeito de marcar a diferenza con outros salóns de voda de Galicia; o mellor reclamo para parellas de noivos que poden atopar na vila o que ninguén lles ofrece dunha forma conxunta e organizada nesta época do ano.
Xunto coa singularidade, outro dos obxectivos da organización é conseguir que a feira sexa un evento cada vez máis específico e dirixido a un público mellor definido: parellas de noivos que amosen interese e realicen reservas. Xa en 2013 se conseguiu dar un paso adiante con respecto á primeira edición, que polo seu carácter novidoso congregou a un público moi heteroxéneo. Este ano o propósito é seguir afondando nesa liña e superar as 36 parellas que se inscribiron para o sorteo da viaxe, un número que serve de termómetro para medir o interese pola feira e as posibilidades de negocio reais que se abren ante empresas e comercios.
ϕ A oferta: un mundo en branco con novidades
Todo concentrado pero ben distribuído e organizado para que ninguén perda detalle do moito que pode ofrecer Melide cando dunha voda se trata. Ese será o aspecto que presente o Pazo de Congresos o próximo domingo 23, día no que se celebrará a terceira edición dun evento que malia o paso dos anos non deixa de incorporar novidades.
> Casting para parellas. Unhas das principais novidades será a presenza da TVG, que estará no salón da voda non para gravar, senón para atopar parellas. Trátase en concreto do programa “Casamos”, un docusoap producido polo Grupo Progreso e Zenit sobre historias reais de amor que acaban en casamento. Terá un stand no que ao longo de todo o día fará un casting para seleccionar as parellas de noivos que serán protagonistas de futuros programas.
> Do que máis gusta. Apostando polas últimas tendencias, no sector da animación o Salón da Voda de Melide contará este ano cunha empresa especializada na elaboración de vídeos humorísticos e orixinais, de factura profesional, nos que amigos e familiares dos noivos son os propios actores protagonistas. Unha idea diferente que se acostuma a regalar o propio día do casamento e que nos últimos tempos se está a converter nun dos agasallos máis agardados en calquera voda.
> Con acento galego. Outra das novidades do salón atoparémola no sector da moda. Por primeira vez haberá traxes tradicionais para home e para muller. Cada vez son máis as parellas que apostan por un enlace diferente e que deciden casar co traxe típico galego. Sendo Melide terra de gaiteiros e músicos, a feira terá un xesto coa tradición de mans dunha tenda da vila especializada neste eido.
O sector da moda será o máis numeroso e o que concentre maior número de comercios de Melide. Estarán as tendas de vestidos de noiva e traxes de noivo, zapatos, unha ampla representación de lencería, roupa de festa para invitadas e moda infantil. Outros sectores presentes serán o da hostalería, perruquería, florerías, xoiería, animación musical, fotografía, listas de voda, viños, imprentas, detalles e doces, coches de época, axencias de viaxe e tamén entidades, asociacións e medios de comunicación.
ϕ Atractivos engadidos: unha pasarela e un sorteo
Ao igual que en edicións anteriores o Salón da Voda de Melide incorpora alicientes que lle engadirán un grao máis de atractivo. O corredor central do Pazo de Congresos converterase o domingo 23 nunha pasarela de moda que servirá para lucir a roupa e os complementos de varios dos comercios participantes.
Haberá dous pases, ás 13:00 e ás 18:00 horas, non que desfilará de novo unha das modelos galegas con maior proxección na actualidade; Zulema Vázquez. Estará acompañada por outras tres modelos, unha delas veciña de Melide, e por catro modelos masculinos.
No que á pasarela se refire tamén haberá novidades nesta edición de 2014, xa que por primeira vez se incorpora ao desfile a roupa de comuñón. Serán os cativos e cativas da vila os que luzan eses traxes e vestidos, xunto co resto de moda infantil. Nos desfiles amosarase tamén roupa de festa para convidadas e madriñas. E como non podía ser doutro xeito, pecharán os pases, os traxes de noivos e finalmente os vestidos de noivas. Todas as modelos serán peiteadas por perruquerías de Melide e os ramos de noiva tamén levarán o selo local.
Por outra banda, as parellas que vaian casar este ano e visiten o Salón da Voda, terán dereito a entrar no sorteo dunha fin de semana romántica. Tan só terán que cubrir un formulario de participación no stand da axencia de viaxes, que estará situado á saída do recinto feiral. O sorteo realizarase o propio día da feira ás 19:30 horas.
ϕ Máxima difusión dende unha web propia
Convencida de que o boca a boca segue a ser unha boa forma de publicidade, a organización imprimiu 5.000 dípticos que se repartirán pola comarca nos vindeiros días. Neles recóllese un plano coa distribución dos stands e unha relación de todos os comercios participantes agrupados por sectores. Do mesmo xeito, instalaranse bandeirolas promocionais nas principais estradas da vila e dos concellos limítrofes.
Co obxectivo de acadar a máxima difusión posible, o evento será difundido na rede a través da páxina web salondeboda.com, posta en marcha en 2012 co gallo da primeira edición do salón. Nela aparecen todos os establecementos que participan no evento. Pinchando no logo de cada un deles pódese acceder ás súas respectivas páxinas web ou, no seu defecto, a información con datos, localización e teléfonos de contacto. A xeito de memoria, na pestana “anteriores” incluiranse fotos e vídeos do evento unha vez que remate.