A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) vén de convocar unha reunión para o vindeiro xoves 10 de abril na que convidará aos seus socios a achegar ideas e debater sobre a organización do próximo salón da voda.
No encontro estarán presentes todos os negocios relacionados co sector nupcial e abordarase, entre outros temas, un posible cambio de data para a celebración do evento. Outubro ou novembro son dúas das propostas formuladas xa por algúns dos participantes na edición deste ano. Do mesmo xeito tamén se barallará a posibilidade de trasladar o evento do domingo ao sábado e buscaranse propostas encamiñadas a dinamizalo e a enfocalo cara a un público máis específico. Por outra banda, tamén se someterá á opinión dos asistentes a posibilidade de ampliar o evento ás vodas de prata e de ouro, unha suxestión formulada este ano pola alcaldesa.
Unha vez acadado un consenso, Asetem trasladaralle as súas propostas ao Concello de Melide, en calidade de coorganizador do evento, e suxeriralle convocar unha nova reunión aberta a todos os comercios da vila susceptibles de participar.
Interese por continuar
Con esta iniciativa Asetem busca darlle un novo pulo ao Salón da Voda, unha vez que os comercios presentes na edición deste ano manifestaron o seu desexo de que se continúe celebrando a feira nupcial. A maioría xustifican a necesidade do evento en que “proxecta unha imaxe moi boa de Melide” e “crea unha marca do comercio local asociada á calidade”. Na terceira edición, celebrada o pasado 23 de marzo, a pasarela de moda con roupa de tendas da vila foi un dos grandes atractivos.