O Servizo de Normalización Lingüística Terra de Melide (SNL) acordou distinguir ao Xornal Cerne co terceiro Premio á Defensa do Idioma. A noticia chega nun momento doce para o periódico que edita Asetem dende decembro de 2004; xusto cando celebra a publicación do seu número 100 e a piques de cumprir dez anos informando aos empresarios e veciños da comarca.

Con este galardón o Servizo de Normalización Lingüística Terra de Melide recoñece a contribución do Cerne na normalización do idioma na comarca ao tempo que pon de relevo o compromiso que sempre demostrou Asetem coa lingua. No seu fallo, o xurado valorou “a vontade de pulcritude lingüística” do Cerne e o uso dun galego “coidado e respectuoso coas normas”. Por outra banda, tamén destacou o feito de que Asetem empregue sempre o idioma propio “nas comunicacións cos socios e coa cidadanía en xeral, tanto a nivel interno como externo”.

A xunta directiva da Asociación de Empresarios Terra de Melide agradece “fondamente” este recoñecemento que contribuirá, aseguran, “a que reforcemos aínda máis o noso compromiso coa lingua de aquí en adiante”. En verbas da presidenta de Asetem, Sonia Valiño, “agora máis ca nunca o galego seguirá sendo o noso compañeiro de viaxe, seguiremos confiando na súa utilidade e empregarémolo sen condicionantes nin complexos. Seguirémolo querendo, porque quererlle a un idioma é a mellor maneira de defendelo”.

 

Música e poemas para o acto de entrega

A entrega do premio realizarase o vindeiro sábado 24 de maio ás 19:30 horas na Casa da cultura e contará coa presenza dos alcaldes de Melide, Toques e Santiso, a presidenta de Asetem e o presidente do SNL, Xesús Freire. O acto, ao que estará aberto á veciñanza, contará tamén coa participación de músicos do conservatorio e alumnos do IES de Melide, que poñerán melodía e voz a poemas de Xosé María Díaz Castro, escritor homenaxeado no Día das Letras.

Con este premio, o xornal Cerne súmase a unha lista integrada pola Asociación Cultural e Musical “O Castelo” e polo Museo da Terra de Melide, premiados en edicións anteriores polo seu traballo en prol da plena normalización do galego na comarca.

 OLYMPUS DIGITAL CAMERA