A Asociación e Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) xa conta cun novo equipo directivo. Tralo proceso electoral do pasado día 26 de xuño, os membros da candidatura vencedora reuníronse na noite de onte para definir as principais liñas de traballo e efectuar o reparto de responsabilidades, que quedou establecido do seguinte xeito:

 

–          Presidente: Manuel Vázquez (Transportes Sierra)Xunta directiva de pé

–          Vicepresidente: Rodrigo Fernández (Seguros Bilbao)

–          Secretario: José Ramón Villamor (Xoiería Oro Ley)

–          Tesoureiro: José Valiño (Muxica)

–          Contador: Juan Carlos Casal (Hijos de Casal Mariño)

–          Vogais: Diego Sánchez (Suministros industriales Cire) e Jorge Pereiro (Pulpería Ezequiel)

 

Os membros da nova xunta directiva, avalados polo 69% dos votos, agradecen o “enorme” apoio recibido e afrontan os próximos catro anos de mandato coa intención de “non defraudar a confianza que maioritariamente depositaron en nós os socios e socias de Asetem”.  Nese sentido, comprométense a desenvolver un proxecto “que ilusione, que faga a patronal máis activa e visible e que defenda os intereses de todos os sectores”.

O novo equipo directivo de Asetem está a ser moi ben recibido entre os negocios locais, algo que constata o feito de que, só nos últimos tres días, acudiran ata as oficinas da patronal nove empresarios para darse de alta como socios do colectivo. Neste sentido, o obxectivo da directiva é que Asetem alcance os 200 socios ao remate da presente lexislatura. Na actualidade, e a falta de formalizar as novas incorporacións, conta con 143.

 

Conexión do polígono coa autovía

A captación de novos socios será, por tanto, unha das prioridades nos próximos meses, máis o primeiro reto que afronta a directiva de Asetem é conseguir que o polígono industrial de Melide teña un enlace directo coa Autovía Lugo-Santiago, un obxectivo no que xa se está a traballar.

O  actual proxecto, en fase de redacción, contempla dúas saídas para Melide: unha á altura do campo de fútbol municipal (que daría acceso ao casco urbano) e outra en Remonde, situada no concello de Palas de Rei e a máis de 6 quilómetros do polígono da Madanela. O empresariado de Melide considera que o parque industrial debería ter mellores conexións e por iso solicitará que se constrúa un enlace directo á altura do lugar de Vimianzo (no Concello de Santiso). Esta opción deixaría o polígono da Madanela a tan só 1,5 quilómetros da autovía e reduciría notablemente a distancia que contempla a saída de Remonde. Ao mesmo tempo, evitaría que os vehículos pesados tivesen que atravesar o centro da vila para utilizar a conexión situada nas inmediacións do campo de fútbol.

Asetem-Cca trasladaralle dita proposta por escrito á alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, co obxectivo de recadar o seu apoio e solicitar en breve unha reunión cos responsables da Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia. Adxuntaranse tamén as sinaturas de máis de 100 empresarios e comerciantes que apoian a creación de dito enlace.