A campaña da Xunta Mais que comercio, que se desenvolveu durante todo o mes de agosto en 115 establecementos socios de Asetem, rexistrou ao seu peche preto de 3.500 participacións. A cifra coincide co  número de visitas que tivo  dende Melide e comarca a web  www.maisquecomercio.com, á que tiñan que acceder os clientes para participar nun xogo online e tratar de atopar os agasallos escondidos tralas casiñas cos logos dos negocios.

Asetem-Cca amósase satisfeita co resultado da campaña e dá por cumpridos os dous obxectivos fundamentais desta iniciativa: por unha banda achegar aos consumidores o comercio de proximidade e por outra potenciar entre os comerciantes o uso de internet como ferramenta de promoción e venda.

 

Establecemento favorito

Ademais de optar a premios, os consumidores tiveron a oportunidade de escoller o seu comercio favorito facendo click sobre o logo do mesmo. O establecemento que máis votos recibiu foi Leiva Motostport, unha tenda de bicicletas, motos e material deportivo localizada na Ronda da Coruña. Este negocio de tradición familiar, que comezou como xoiería e reloxería nos anos 30, está rexentado dende hai cinco por unha moza emprendedora, a terceira xeración á fronte do negocio: Rosa Barrio.

De mans da directora xeral de comercio, Sol Vázquez Abeal, que se desprazou ata Melide o 30 de setembro para poñer o peche simbólico á campaña e facer tamén entrega dos premios aos clientes ganadores, Rosa Barrio recolleu un diploma conmemorativo. Na súa visita ao centro comercial aberto melidense, Vázquez Abeal salientou que a campaña Máis que comercio buscou destacar o traballo dos centros comerciais abertos “como fórmula que permite desenvolver dende o asociacionismo estratexias para a posta en valor da ampla oferta comercial coa que contan as vilas galegas”. Por outra banda destacou tamén “a calidade, o trato ao cliente e a variedade” como valores do comercio de proximidade.

Durante a entrega dos premios a directora xeral estivo acompañada pola delegada da Xunta na provincia, Belén Docampo; a alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez; o concelleiro de promoción económica, Santos López; o presidente de Asetem, Manuel Vázquez, e a xerenta da patronal, Pilar López.

Entrega premio