O Concello de Melide ten enriba da mesa unha proposta para instalar un sistema urbano de calor que proporcionaría calefacción e auga quente a 1.200 vivendas da vila mediante o aproveitamento da biomasa. O proxecto, deseñado pola empresa de servizos enerxéticos Sistemec Energía, xa foi presentado ante responsables da Xunta de Galicia e do goberno local. Del tamén ten coñecemento Asetem-Cca, que convocará unha reunión informativa nas próximas semanas para trasladarllo aos socios e coñecer a súa opinión.

 

En que consiste?

O sistema urbano de calefacción é unha rede de distribución de enerxía que, en forma de auga a elevadas temperaturas, transcorre por tubos enterrados na vía pública e proporciona calor e auga quente a todos os edificios que se enganchen a ela.

En liñas básicas, os compoñentes deste sistema son tres: unha instalación central onde se produce auga quente mediante a queima de restos orgánicos (biomasa), unha rede de tubaxe con cuberta especial para evitar a perda de calor,  e os puntos de entrega (as salas de caldeiras dos edificios).

No proxecto deseñado por Sistemec Enerxía para Melide contémplase que a rede de calor abastecería a 1.200 vivendas do casco urbano e aos seguintes edificios públicos: centros escolares, centro de saúde, residencia da terceira idade, casa cuartel, piscina climatizada, casa consistorial, pavillón polideportivo, casa da cultura e albergue municipal.

Normalmente a caldeira central instálase en polígonos empresariais, pero no caso de Melide, tendo en conta a considerable distancia que hai entre a Madanela e o casco urbano, Sistemec Energía escolleu Priorada como emprazamento ideal para construíla. A rede de tuberías tería unha lonxitude aproximada de 6 quilómetros.

Tuberías cerca

 

Vantaxes

Segundo cálculos da empresa promotora, cada vivenda aforraría un 15% anual con respecto aos gastos actuais de calefacción a base de gasóleo ou propano. A biomasa é unha alternativa menos contaminante, máis segura e cun prezo estable. A implantación deste sistema permitiría ademais crear postos de traballo.

De saír adiante o proxecto, Melide converteríase no terceiro concello de Galicia en ter unha rede de calor. Na actualidade só en Riós e Baltar, na provincia de Ourense, funcionan sistemas semellantes. No conxunto de España hai 104 redes de calor. Outras 35 están en construción.

Central térmica