A Asociación de empresarios Terra de Melide e o Hotel Balneario Río Pambre amplían o convenio de colaboración que asinaron a principios de outubro para ofrecer novas alternativas de ocio na vila. Deste xeito, poñen a disposición dos veciños e veciñas o autobús contratado para a campaña “Unha voltiña por Melide”, que se está empregando para traer de visita dende Palas de Rei ás persoas que se hospedan no balneario.

A partir de agora, os veciños e veciñas da vila que queiran pasar unha tarde no complexo termal, poderán utilizar de xeito gratuíto o autobús fretado por Asetem. Esta liña de transporte funcionará tres veces ao mes, coincidindo coas visitas programadas dentro da campaña “Unha voltiña por Melide”. Para o que resta de ano, os días nos que os veciños poderán utilizala para ir ao balneario son os seguintes:

–          En outubro: o día 28.

–          En novembro: os días 7, 18 e 28.

–          En decembro: os días 9 e 19.

O autobús sairá de diante da Capela de San Roque ás 3 da tarde. Chegará de volta ao mesmo lugar ás 8 e media. É importante destacar que as persoas interesadas en utilizar este servizo deben anotarse antes en Asetem para reservar praza. Poden facelo acudindo ás oficinas da patronal ou chamando ao 981 50 61 88.

Ademais de dispoñer de transporte gratuíto, as persoas da vila que acudan ao balneario neste autobús poderán beneficiarse tamén de ofertas especiais e descontos nas tarifas do complexo termal:

–          Por 10 euros terán acceso ao circuíto termal, que inclúe o uso da piscina, baño de vapor e contraste en poza fría cunha duración máxima de hora e media.

–          Por 15 euros terán acceso ao circuíto termal e a maiores serviráselles unha merenda a base de sándwich e bebida ou café con repostería e zume.

–          Ademais, aplicaráselles un 20% de desconto en técnicas de balneario se reservan previamente chamando ao 982 37 41 35.