Parecía que non quería vir este ano, pero o frío chegou finalmente para quedar connosco unha boa tempada. E case que se agradece, porque estabamos esperando por el para meterlle o dente a eses produtos típicos do outono que parece que prestan mellor canto máis chove e máis se hai que arrimar ao lume. Agora que se dan as condicións perfectas, Asetem-Cca pon ao alcance de veciños e visitantes a quinta edición do “Outono de Tapas”, unha ruta polos bares e restaurantes da vila na que se poderán degustar 17 propostas gastronómicas diferentes elaboradas con dous produtos propios desta época: as setas e as castañas.

 

Catro días de tapeo

O casco urbano de Melide, tanto a zona vella como a nova, será o escenario desta ruta que concentrará a máis variada oferta culinaria nas dúas primeiras fins de semana de novembro. Dous venres (7 e 14) e dous sábados (8 e 15) serán os días nos que os clientes poderán degustar as tapas elaboradas a base de setas e castañas. Serviranse en horario de 20:00 a 23:00 horas os venres e en horario de 13:00 a 15:00 polas mañás e de 20:00 a 23:00 polas tardes os sábados.

IMG_7597

1 euro por tapa

A Ruta das Setas e das Castañas incorpora este ano unha novidade: como xa sucedeu na edición de verán, os clientes deberán aboar un euro por cada tapa que consuman. “É unha cantidade pequena que lle axuda aos hostaleiros a sufragar gastos e que redunda tamén en beneficio dos clientes, pois garante tapas máis elaboradas e de calidade superior”, asegura o presidente de Asetem-Cca, Manuel Vázquez, quen tamén destaca a elevada participación de establecementos: “levamos xa varias edicións cun número estable de locais, sempre superior a 15, o que indica que esta iniciativa é boa para eles e atractiva para os consumidores”.

 

Novos premios

O prezo da tapa non é a única novidade, pois tamén de cara a esta ruta de outono houbo algún cambio nos premios para os clientes. Deste xeito, as persoas que cubran todo o pasaporte (é dicir, as que proben as tapas de todos os establecementos) entrarán no sorteo dunha cesta de Nadal elaborada por Casa Juanito con produtos de primeira calidade. Para aqueles clientes que non cubran o pasaporte pero que proben e puntúen algunha das tapas, sortearase unha sesión no circuíto termal do Balneario Río Pambre.

CESA DE NAVIDAD 1

Tanto os pasaportes como as tarxetas de votación entregaranse nos propios establecementos participantes. Os clientes poderán valorar, nunha escala do 1 ao 5, a calidade do manxar nas categorías de “Mellor tapa” e “Tapa innovadora”.