Carlos Candido da Silva, vicerreitor de investigación da universidade privada Univates, en Brasil, aterrou o pasado 8 de outubro en Galicia cunha dobre intención: darlle o último empurrón á súa tese de doutoramento e mellorar a xestión das explotacións leiteiras de Río do Sul a partir das experiencias galegas.
A ese obxectivo contribuirá a Cooperativa Melisanto, que xunto con Icos, en Taboada, foi elixida polo profesor Da Silva como mostra para o estudo comparativo Brasil-Galicia sobre produción leiteira que o terá ata aninovo polas nosas terras. Durante todo este tempo, Da Silva, que ten establecido o seu centro de estudo na facultade de veterinaria de Lugo, realizará recollidas de datos e entrevistas en 15 explotacións da cooperativa para coñecer de primeira man como se xestiona aquí a produción de leite.
O traballo de campo do profesor Da Silva incluíu tamén unha visita ás instalacións de Melisanto na que o seu xerente, Pepe López, incidiu no importante papel que desempeña o cooperativismo como sistema de apoio e defensa dos produtores locais. No percorrido, Da Silva interesouse polo funcionamento da fábrica de pensos, dos talleres e da planta de envasado da Madanela.
Explotacións profesionais
Á marxe do ámbito académico, o vicerreitor de investigación de Univates agarda que as experiencias recollidas na Terra de Melide teñan aplicación e utilidade real na rexión de Río do Sul, onde a produción leiteira, avícola e porcina son a base da economía: “será unha proposta simple pero importante na medida en que se ten que facer unha profesionalización dos gandeiros no Brasil”, explica, “teñen unha xestión moi sinxela e deben facer das súas propiedades unha empresa, un negocio rendible”.
A falta aínda de varios meses para concluír o estudo, Da Silva avanza xa tres ideas que cruzarán o Atlántico dende Melide e Taboada para coller forma de proposta: “chamoume moito a atención a idea de poñer a disposición dos asociados a man de obra para os festivos e para as fins de semana”, comenta, “é un servizo que non existe nas cooperativas de Brasil. Tamén o seguimento que se fai das explotacións como negocio e por último a cuestión tecnolóxica, que está moi implantada”.
Son algunhas das medidas coas que se tratará de profesionalizar as explotacións leiteiras do Brasil, non sempre abertas aos cambios: “teño dúbidas da aceptación que terán, mais confío en que o cambio sexa posible co relevo xeracional”.