Os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) debuxan un panorama pouco alentador para o sector do comercio en Galicia, que encadea sete anos sen alzas nas vendas. A baixada dos prezos durante o ano pasado e os fortes descontos aplicados na campaña de Nadal non foron suficientes para que a comunidade seguise a estela do conxunto do estado, onde a facturación do sector medrou no 2014 un 0,9%, rexistrando así o primeiro incremento dende o inicio da crise.

Trasladando os datos ás rúas de Melide, onde o sector servizos representa un dos piares da súa economía, os comerciantes identifícanse con ese escenario de estancamento: “aquí no último ano non melloramos moito pero tampouco fomos a peor”, di a propietaria de Marvi, unha tenda de lencería do casco vello. A súa percepción vai en sintonía coa da maioría dos seus colegas da vila, para quen o sector tocou fondo en 2013 e a melloría tarda máis do desexado en chegar.

 

Brotes verdes

A pesar do estado de atonía, comezan a xurdir voces que falan dun claro cambio de tendencia e que certifican os primeiros síntomas da recuperación.  É o caso de Esther Bouzo, propietaria de La Cortina, para quen o 2014 marcou un antes e un despois: “os dous anos anteriores foron horribles, pero en 2014 notei melloría. Foi bastante bo; oxalá que o 2015 sexa coma el”. Con todo, apunta, “non ten nin punto de comparación cos anos felices”. Para Mónica Segade, de M&M, 2014 tamén trouxo un repunte nas vendas, cun verán “moi bo” e unha campaña de Nadal “mellor que a do ano anterior”. Nunha liña semellante, Mary López, da tenda de electrodomésticos Electrosan, percibe un cambio de actitude no consumidor: “hai un par de meses que se está movendo a cousa, pero moi lentamente”, matiza.

 

As singularidades de Melide

Para algúns comerciantes da vila no comportamento da demanda privada inflúen factores alleos á propia situación económica. “”Melide está a un paso de Santiago, de Lugo e da Coruña”, di Alfredo López,  responsable dunha tenda de deportes, “a economía pode mellorar, pero nós temos moita competencia das grandes superficies e iso é o que nos mata, moito máis cá crise”, asegura.

Pola súa parte, o propietario do Centro Comercial Ares, Emilio Ares, considera que datos como o incremento do 3,7% nas vendas en decembro a nivel galego son “unha falsa realidade”. Opina que “seguimos coxeando” e vaticina que Melide tardará en subirse ao carro da recuperación: “a nivel nacional hai cambios pero o noso comercio leva atraso. A crise chegou máis tarde e agora tamén tardará máis en marchar”.