O salón de actos de Asetem acollerá o vindeiro 19de marzo unha charla informativa sobre meditación, relaxación e terapias alternativas. Dará comezo ás 20:30 horas e será impartida por Ángel Curtis, sanador e instrutor de meditación.

Ao longo de algo máis dunha hora disertará sobre os beneficios que ten a práctica destas disciplinas e sobre o poder da mente á hora de lograr o benestar físico e psíquico: “é como a nosa farmacia interior, un analxésico natural que inflúe nas defensas do corpo”, explica. Nesa liña achegará pautas básicas para lograr atopar o necesario equilibrio entre corpo, mente e espírito: “todo isto está cuberto de moito misticismo, pero é mais  sinxelo do que a xente pensa”.

O obxectivo é que os asistentes “leven para a casa unha base mínima e saquen  conclusións que poidan poñer en práctica”, explica Ángel Curtis, “buscaremos a maneira de que a charla non sexa un monólogo para que haxa intercambio de impresións e debate”.

 

Novo libro

Boa parte dos contidos da charla están tamén recollidos no libro “Mi vida; el faquirismo y las terapias naturales”, que Ángel Curtis vén de publicar no mes de xaneiro. Trátase dun traballo no que, ademais de falar de disciplinas alternativas, aborda en clave autobiográfica a realidade e a raíz do faquirismo, ao que leva dedicados máis de 35 anos da súa vida.

Como profesional da materia, comezará en breve a impartir un curso no Concello de Curtis sobre terapias de meditación e relaxación.

Ángel Curtis libro