«Agora por fin podo escoitar a radio mentres cociño”. Gema Vázquez Pandelo está encantada dende que a campá extractora Villamor entrou silenciosamente na cociña da súa casa de Eirexe, na parroquia melidense de San Salvador: “se tes unha pota ao lume, fai máis ruído a pota ca o extractor”, comenta, “e polas noites xa podemos falar un conto”.
O de Gema foi un premio merecido e perseguido: o que sorteou Julio Villamor, inventor da campá extractora silenciosa, a través dun programa-concurso en Radio Melide no que durante dous meses informou sobre cuestións de interese xeral como os testamentos, os graos de parentesco na lei, as herdanzas ou os documentos públicos e privados.
O máximo número de respostas correctas de entre os 10 participantes no concurso valeulle a Gema o regalo da campá silenciosa, que xa está instalada na súa cociña e á que só lle ve vantaxes. Non é para menos, pois a campá Villamor xera un ruído de 49 decibelios na marcha máis alta mentres que un extractor normal acada os 80. O consumo máximo será de 85 watios, fronte aos 250 de cada un dos dous motores da vella campá.