Tan doado como escoitar a radio municipal, mostrar interese polas actividades de Asetem e responder a preguntas do máis sinxelo. Esa será a forma en que os clientes do centro comercial aberto de Melide poderán entrar no sorteo dos 1.200 euros que repartirá a patronal a través da súa nova campaña de dinamización.

“Sintoniza co teu comercio”, como se bautizou esta iniciativa, dará comezo no mes de maio e desenvolverase durante un ano en colaboración con Radio Melide. “O que pretendemos é achegar os establecementos asociados aos clientes e dar a coñecer o traballo que realizamos dende aquí no día a día”, explica o presidente de Asetem, Manuel Vázquez.

 

Un sorteo cada mes

A campaña consistirá en emitir en directo na radio municipal un espazo semanal de 15 minutos de duración no que se fale de diferentes temas relacionados coa actividade de Asetem. Cara ao remate de cada un dos programas, formularase unha pregunta sobre os contidos expostos ese día e abriranse as liñas telefónicas para que os/as oíntes poidan dar a resposta. A cada unha das persoas que acerten asignaráselle un número e todas elas entrarán no sorteo de 100 euros que se realizará ao final de cada mes.

Os cartos entregaranse en forma de vales e terán que ser consumidos nos establecementos ou empresas asociadas a Asetem. Para poder cobralos, a persoa agraciada no sorteo deberá demostrar que é cliente habitual do centro comercial melidense. Farao presentando tickets ou facturas ata sumar un valor mínimo de 60 euros por compras feitas en negocios que sexan socios de Asetem. Disporá dun mes dende a data do sorteo tanto para presentar os tickets como para gastar o premio.

Ningún comercio ou empresa poderá ser beneficiario en máis dunha ocasión. É dicir, aqueles establecementos nos que os clientes premiados gasten cartos, quedarán excluídos de cara aos vindeiros sorteos.

O espazo radiofónico “Sintoniza co teu comercio” incluirá entrevistas con membros da directiva de Asetem, expertos en diferentes materias e titulares de negocios de Melide. Entre os 52 temas que se tratarán ao longo do próximo ano están cada unha das campañas realizadas pola patronal, a súa historia, os servizos que ofrece, os cursos formativos, convenios asinados con diferentes entidades ou celebracións e eventos.